Con 18 funcións en distintas localizacións da cidade

O Festival Manicómicos terá lugar entre o 11 e o 14 de agosto

José Manuel Sande explicou que haberá actuacións en 10 escenarios distintos da Coruña. As actividades comezarán mañá cunhas “accións de rúa previas”, que se desenvolverán en ubicacións como os mercados municipais ou distintas liñas de transporte urbano

O Festival Manicómicos terá lugar entre o 11 e o 14 de agosto
Manicómicos
Presentación do Festival de Manicómicos

Fonte: Concello da Coruña | 03/08/2016

O concelleiro de Culturas, Deporte e Coñecemento, José Manuel Sande, presentou na mañá deste mércores a XVI edición do Festival Manicómicos, cita que terá lugar en distintas localizacións da cidade entre o 11 e o 14 de agosto, e que contará ademais cunha serie de actos de presentación que comezarán mañá, nos que as e os artistas desta asociación interactuarán coa cidadanía. O edil destacou "o arraigo especial deste evento, que cumpre xa a súa edición número 16 na cidade", á vez que destacou a aposta que dende o Goberno local se fixo nestas Festas de María Pita 2016 polas artes escénicas, así como polas accións encamiñadas ao público infantil "tanto a través do FamiliRúa, como do Parque das Utopías e durante as actividades especiais do Festival Noroeste programadas para o domingo 7". "Ademais, a celebración de Manicómicos terá lugar á vez que a Tall Ships Races, nun momento cheo de efervescencia na cidade, no que serán moi destacable as actuacións por todo o municipio", destacou.

O Festival Manicómicos, como explicou o responsable municipal, mistura comedia, teatro e circo contemporáneo, centrándose nas artes escénicas na rúa, coa exhibición de espectáculos para todas as idades, desde a infancia e a mocidade até persoas adultas, co obxectivo de chegar ao maior número posible de público, tanto nas rúas e prazas como nos barrios.

Sande estivo acompañado na rolda de prensa de diversos integrantes de Manicómicos, como é o caso de Carlos Sante e Luis Vivanco, que destacaron a "tradición deste festival, que conta xa cun grande arraigo na cidade" e que nesta edición conta cunha participación "selecta" de diversos grupos, tanto de compañías que forman parte da asociación coruñesa como do estranxeiro.

O Festival Manicómicos desenvolverase en dez puntos distintos da cidade, tendo en conta ademais as accións de promoción que terán lugar xa esta mesma semana, os días 4, 5 e 6, nos que varios grupos de clowns percorrerán a cidade, tanto a pé como mediante o transporte público urbano e interactuarán coa xente nas rúas, mercados, prazas e buses "para intercambiar sorrisos por cadernos de programación". En concreto, os espazos nos que se actuará nesta XVI edición serán o Parque de Santa Margarita, a Praza de Vigo, Campo da Leña, Obelisco, distintas liñas de buses urbanos, Paseo Marítimo e zona centro da cidade, ademais dos mercados municipais das Cochiñas, Praza de Lugo e San Agustín.

O festival contará en total coa participación de 11 compañías de teatro e circo, que realizarán 18 funcións específicas. Ademais, durante a última xornada, na tarde do domingo 14 dará comezo a gala final do XVI Festival Manicómicos, realizada polas e polos compoñentes da asociación, así como invitados sorpresa. Nesta ocasión terá lugar no Anfiteatro do Parque de Santa Margarita. 

Festas

Por outro lado, o concelleiro de Culturas fixo unha valoración "moi positiva" da asistencia de público as dúas primeiras xornadas das Festas de María Pita, "tanto no concerto de Carlinhos Brown", ao que asistiron 24.000 persoas, "como onte, no inicio da actividade escénica e a primeira xornada do Festival Noroeste Estrella Galicia". "A pesar de multiplicarse os escenarios e da simultaneidade de actuacións que conleva, vimos todas as ubicacións, de gran tradición na cidade, cheas de público e de entusiasmo", indicou.

Detalles de la noticia

Programa de man do XVI Festival Manicómicos (PDF)

Carteis XVI Festival Manicómicos

O Festival Manicómicos terá lugar entre o 11 e o 14 de agosto