Concello da Coruña

O Festival Primaletras achégase á mocidade coruñesa con sete obradoiros de banda deseñada durante esta semana

As actividades levaranse a cabo dende o luns 25 de abril ao sábado 30 nas diferentes bibliotecas municipais da Coruña como celebración do Día Mundial da Banda Deseñada

O Festival Primaletras achégase á mocidade coruñesa con sete obradoiros de banda deseñada durante esta semana
Primaletras int
Primaletras

En conmemoración do Día do Libro, o Festival Primaletras acollerá un espectáculo de rúa que terá lugar os días 22 e 23 abril

A Coruña, 22 de abril de 2022.- A Rede de Bibliotecas Municipais do Concello da Coruña acollerá esta  semana varios obradoiros de banda deseñada no marco do Festival Primaletras, inaugurado o pasado día 21 de marzo no centro sociocultural Ágora e que extenderá a súa programación ata o próximo día 21 de maio. Aproveitando datas sinaladas como o Día da Poesía, o Día do Libro e o Día das Letras Galegas, o festival busca achegar á cidadanía o talento literario consagrado e recoñecido da escena galega.

Cada día da semana terá lugar un obradoiro de cómic nalgunha das Bibliotecas Municipais, da man de profesionais da banda deseñada coma os coruñeses Julia Lago e Santy Gutiérrez, recoñecidos na escena galega e con gran pegada no mundo literario da nosa cidade. A biblioteca do Centro Sociocultural Ágora será a encargada de acoller a primeira cita deste itinerario de obradoiros, cun taller de iniciación ao manga impartido por Santiago García. Os obradoiros previstos son os seguintes:

 

  • Luns (25 de abril) ás 18.00 h. Iniciación ao manga con Santiago García (9-14 anos). Lugar: Biblioteca do Ágora.
  • Martes (26 de abril) ás 18.00 h. Banda deseñada con Manel Cráneo (9-14 anos). Lugar: Biblioteca da Sagrada Familia.
  • Mércores (27 de abril) ás 18.00 h. Banda deseñada con Luis Sendón (9-14 anos). Lugar: Biblioteca do Fórum Metropolitano.
  • Mércores (27 de abril) ás 17.00 h. Ilustración con María Lires (8-12 anos). Lugar: Biblioteca do Castrillón.
  • Venres (28 de abril) ás 18.00 h. Ilustración con Julia Lago (9-12 anos). Lugar: Biblioteca de Monte Alto.
  • Sábado (29 de abril) ás 18.00 h. Ilustración con Irene Sanjuan (9-14 anos). Lugar: Biblioteca dos Rosales.
  • Domingo (30 de abril) ás 12.00 h. Banda deseñada con Santy Gutiérrez (10-15 anos). Lugar: Biblioteca Durán Loriga.

A consulta e reserva de prazas dispoñibles pode facerse a través da páxina web www.coruna.gal/bibliotecas, así como de forma presencial en cada unha das bibliotecas que acollen as citas.

Encontro co ilustrador Miguelanxo Prado

Ademais do programa de obradoiros, a biblioteca do Fórum Metropolitano acollerá outra actividade máis no marco da celebración do Día da Banda Deseñada. O Festival Primaletras contará coa visita do laureado ilustrador Miguelanxo Prado, Premio Nacional de Cómic no ano 2013 e recentemente galardoado pola súa obra “O pacto do letargo” co Premio Paraugas a Mellor Libro Editado (2020).

O encontro co ilustrador coruñés terá lugar o vindeiro martes 2 de maio ás 19:00 h. Este dividirase en dúas partes: dunha banda, Prado explicará as distintas fases que segue durante o seu proceso creativo á hora de elaborar os seus cómics (guión, documentación, deseño de personaxes, paleta de cores, etc.); posteriormente, realizará un coloquio co Club de Lectura de Cómics da Rede de Bibliotecas Municipais, onde compartirá cos seus integrantes aspectos de "Ardalén" (2012) e "Presas Fáciles" (2014), obras lidas polos seus membros. A entrada é de balde ata completar capacidade e está dirixida ao público adulto.

Día do Libro no Festival Primaletras

No marco do Festival Primaletras, a cidade da Coruña acollerá varias actividades con motivo da celebración do Día do Libro (23 de abril). Estas comezaron o venres 22 de abril, cun espectáculo musical da man de Nelson Quinteiro, un batallón literario que percorreu os barrios e as rúas da cidade durante os días 22 e 23 de abril. Trátase dun pasarrúas itinerante con música en directo e textos de literatura galega, que combina a posta en escea musical con interpretación literaria. O espectáculo comezou o 22 de abril. ás 18.00h na Praza da Concordia cun percorrido ata a Praza Pablo Iglesias. Máis tarde, ás 19.00h, a compañía de Nelson Quinteiro desprazouse á Praza España para comezar o espectáculo ata o Campo de Marte, pasando pola Rúa da Torre. O sábado 23 o batallón literario comezará ás 11.00h na Rúa Barcelona e posteriormente ás 12.30 h pola Rúa Manuel Azaña ata a Praza Elíptica. Pola tarde, comezará ás 18.00h na Praza da Fábrica de Tabacos ata o Parque do Fórum Metropolitano e rematará ás 19.30h cun espectáculo polo Obelisco e a zona da Mariña.

Ademais do batallón literario, o Festival Primaletras acollerá dous encontros literarios con motivo da celebración do Día do Libro. O primeiro deles será con Bibiana Candia, xornalista e escritora coruñesa galardoada o pasado ano 2021 co Premio de Xornalismo Julio Camba. A charla será o vindeiro martes 26 de abril ás 18.00 h, na biblioteca Os Rosales, e xirará entorno á súa obra "Azucre" (2021). Por outra banda, o auditorio do Ágora contará coa visita de Xesús Fraga, Premio Nacional de Narrativa 2022 pola súa obra ”Virtudes (e misterios)” (2021), nun encontro literario cos clubes de lectura das bibliotecas municipais. Este celebrarase o vindeiro martes 4 de maio ás 18.30h, onde Fraga estará acompañado das escritoras galegas Antía Yáñez e Luisa Lis. A charla, con entrada de balde ata completar aforo, preséntase como o acto central da celebración do Día do Libro dentro da programación do Festival Primaletras, posto en marcha na cidade da Coruña para celebrar as efemérides relacionadas co libro e a lectura nos meses da primavera (marzo/maio).

O Festival Primaletras achégase á mocidade coruñesa con sete obradoiros de banda deseñada durante esta semana