Galiza Nova | nota de prensa
Galiza Nova presenta a I edición do Certame de Tiktok no marco da campaña “O Galego Vai Contigo”
Galiza, 5 de outubro de 2022. No marco da campaña “O galego vai contigo”, presentada a comezos do mes pasado, a organización xuvenil do BNG busca contribuír ao espazo onde poder expresarse e consumir contido en galego, buscando a normalización da lingua tamén nas redes sociais.
Para participar no certame hai que subir un vídeo á citada plataforma antes do domingo 16 de outubro e entre os premios contan con libros como “As Ramonas” de Ana Cabaleiro ou xogos de mesa en galego da marca “O Zoco Gz”.
O xurado estará composto polas “tiktokers” María Pradorrúa, Iris Gestoso e Sara Seco e comunicaranse as persoas premiadas mediante outro vídeo de Tiktok nesta mesma campaña.
As bases do certame pódense consultar na páxina web da organización xuvenil así como nas súas redes sociais.
Máis información
Galiza Nova presentou o pasado 7 de setembro a campaña de lingua para este inicio de curso baixo o lema “O galego vai contigo” co obxectivo principal de desmontar algúns dos prexuízos que existen contra o galego.
A organización xuvenil do BNG pretende con esta campaña contribuír á autoestima lingüística das falantes, especialmente nas idades onde se dan as mudanzas como é o comezo da formación profesional ou superior, así como desmontar algúns dos prexuízos que explican o progresivo abandono xeral da lingua galega. “A situación do galego na mocidade é alarmante, mais tamén esperanzadora, pois á contra do que o contexto empurra hai ben de exemplos de mozas que escollen facer a súa vida na nosa lingua” afirmou Élia Lago, responsable nacional de Lingua e Cultura da organización. “Escollemos este lema porque todas as persoas que viven na Galiza teñen unha relación específica co galego; dalgún xeito ou outro, as linguas forman parte das nosas identidades e a lingua galega vai connosco” sinalou.
A campaña deu comezo nesa semana, coincidindo co inicio do curso escolar, e decorrerá durante os meses de setembro e outubro a través de vídeos, infografías, axitación nas rúas, actividades e actos formativos e até un certame de Tiktok que se dará a coñecer nos vindeiros días. Con todas estas accións Galiza Nova pretende dinamizar a reflexión arredor da escolla lingüística “porque a lingua que falamos cada quen non é algo casual, senón resultado de moitos factores sobre os que debemos reflexionar e traballar”, afirmou Élia.
Esta campaña poderá seguirse a través das rúas e das redes sociais, así como tamén estará dispoñible todo o contido da mesma na páxina web da organización xuvenil. “Queremos animar a toda a mocidade a seguir a nosa campaña a través das redes e a participar de todas as actividades que propoñeremos nas distintas localidades” indicou Marta Gómez, Secretaria Xeral da organización. “Porque a nosa convicción é que mostrando o galego con normalidade, as oportunidades de sumar falantes na nosa lingua multiplícanse”, finalizou.