Poesía

Homenaxe apaixonado á temperanza

Veciñas da Agra ofrecen un recital de poemas de Luz Pozo Garza que en xullo cumprirá 95 anos.

Homenaxe apaixonado á temperanza
Luz Pozo na Agra
Luz Pozo na Agra.

“Qué papel xoga o amor na túa poesía?”, preguntou Cesáreo Sánchez, o representante institucional dos escritores en galego, a Luz Pozo. “Eu adoraba ler a Schiller”, respondeu amena a poeta. “Lin desde os tres anos, e coma meu pai non me deixaba usar a súa biblioteca, empecei a facer a miña, cada semana compraba un libro”.  Luz Pozo é poeta namorada dos versos de Eduardo (Moreiras). “Os seus poemas unen todo, por todas partes hai poesía”, dixo do home, tímido, que lle fixo uns versos a ela e a súa harmónica. Veciñas e veciños da Agra recitaron uns poemas de Luz Pozo, “a nosa candidata ao Nobel desde hai dez anos”, sinalou Cesáreo Sánchez. Luz Pozo empezou a escribir en galego en 1952, cando publicou O paxaro na boca, un libro sensual, unha catedral, segundo o cualificou Ferrín. Contida e serea, que dixera dela González Garcés. Recibindo o sabor da túa paisaxe:/húmedas aves novas do teu peito./Aquí estou meu amor, aquí me choves. (*)

“Sempre foi unha muller libre”, ponderou onte Cesáreo Sánchez, “e a súa obra, como a súa vida, son verdade”. Luz Pozo escoitou seus versos en boca da xente da Agra e dos convidados á homenaxe, atenta, inocente, quen sabe se até conmovida. A Asociación Veciñal segue asentando no barrio unha programación literaria exquisita nun local absolutamente inadecuado. Ben farían as institucións municipais, sensibles coa cultura propia e coas iniciativas “de barrio”, en mirar tamén para espazos como estes que fan pouco ruído e producen acontecementos.

(*) versos do poema O paxaro na boca.

MIRA AQUÍ A GALERÍA DE IMAXES DO ACTO DE ONTE: http://www.entrenosdigital.com/album/xentes-da-agra/luz-pozo-no-antinomia-poesia-no-soto/20170505185622002734.html


 

Homenaxe apaixonado á temperanza