Lectura pública este luns no día de Rosalía
"Velaquí talvez o inaudito. Rosalía, unha daquelas que debían ser silenciadas pola forza, daquelas que pretenderan enmudecer tantos deuses e leis dun heteropatriarcado opresivo, ergueu a palabra libre e entregóunola. Será por iso que habemos ser unha anomalía? Unha transmatria errante con voz de muller. Unha nación errante que nos iguala no camiño coas desposuídes. Ambas errantes polo mundo", di o manifesto da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega para este Día de Rosalía de Castro, que podes ler aquí.
A agrupación cultural Alexandre Bóveda (ACAB) e a Asociación de Escritoras e Escritores en lingua galega (AELG) organizan este luns, 24 de febreiro, unha lectura pública da obra de Rosalía o día no que se celebra o nacemento de Rosalía de Castro. Será ás 18.00 horas na sala de exposicións de Durán Loriga.
Nesta ligazón da web da ACAB, as lectoras e lectores que desexen participar poden facer 'reserva' do poema que vaian ler: https://www.acalexandreboveda.gal/events/lectura-publica-da-obra-de-rosalia/.
"É difícil imaxinarnos sen Rosalía, como é difícil alentar sen ar ou vivir sen auga. É difícil entendérmonos sen nos saber errantes. Fagamos vivos os seus versos en cada persoa que foxe, en cada ser humano que chimpa un muro, que se bota ao mar, que decide o seu futuro e a súa identidade libremente. Levamos no sangue a valentía de quen camiña e, grazas a Rosalía, sabemos que as errantes tamén somos nós. Contra o medo e a intolerancia. Errantes polo mundo e sempre libres!", conclúe o manifesto, que este ano propón o lema #ErrantesPoloMundo_rdc_20.