Cultura
Luar Na Lubre: novo álbum ‘Vieiras e vieiros, historias de peregrinos’
O 19º traballo discográfico do grupo, explora os escritos, as sonoridades e as pegadas que os viaxeiros deixaron ao seu paso polo Camiño de Santiago en Galicia
A reserva do disco, cuxas primeiras cen copias estarán asinadas pola banda, xa está activa a través da web https://WarnerMusicSpain.lnk.to/IwuKsSYE
A Coruña, 15 de xuño de 2020.- O novo disco de Luar Na Lubre xa ten data de publicación. O vindeiro venres 26 de xuño sairá á venda Vieiras e vieiros, historias de peregrinos, o 19º traballo discográfico do grupo, un álbum que visualiza a pegada artística, cultural e natural do Camiño de Santiago a través das historias de quen percorreu os sendeiros: os peregrinos. O disco, editado por Warner Music e producido por Mirmidón, conta co apoio da Xunta de Galicia a través do programa O teu Xacobeo.
O título do disco é un xogo de palabras que fai referencia, precisamente, as historias de fondo que son protagonistas neste traballo: o factor humano da ruta xacobea. Tal e como explica Bieito Romero, “as vieiras son o símbolo máis recoñecible de Santiago como apóstolo e tamén dos peregrinos que, en numerosas ocasións, levaron para a súa terra desde as nosas praias. Estes viaxeiros foron e son os portadores das vieiras quen, co seu camiñar, construíron e seguen a construír os vieiros que conforman as diferentes rutas xacobeas, desde o Camiño Primitivo até os numerosos sendeiros que hai na actualidade. Eles, que levan as vieiras, fan os vieiros”.
Vieiras e vieiros, historias de peregrinos é un amplo traballo no que Luar Na Lubre pon en valor a banda sonora dos territorios polos que transita o itinerario xacobeo, e que abrangue lugares como O Cebreiro, A Fonsagrada, a Costa da Morte ou a propia cidade de Compostela. “As prolongacións do Camiño ata Fisterra e Muxía son os remates naturais do antigo Camiño das Estrelas dos celtas, a ruta que levaba os peregrinos ao final da terra, até o punto no que comezaba o mar”, sinala Romero. Así, o disco inclúe, ademais das novas creacións de Luar Na Lubre, “as sonoridades propias que agroman ao longo do Camiño e as músicas tradicionais que estiveron, durante moito tempo, presentes na ruta xacobea”, afirma o artista.
O disco publicarase o 26 de xuño, pero todas aquelas persoas que desexen reservar o seu álbum con antelación xa poden facelo. Estas primeiras copias, ademais, distribuiranse asinadas pola banda e pódense adquirir, desde esta semana, a través do seguinte enlace, tamén dispoñible nas redes sociais de Luar Na Lubre: https://WarnerMusicSpain.lnk.to/IwuKsSYE.
Vieiras e vieiros, historias de peregrinos inclúe tamén un segundo disco que recompila algúns dos temas de Luar Na Lubre vinculados á ruta xacobea ou ao nacemento da mesma. “A nosa creación é moi propia e persoal, pero está moi relacionada coas músicas tradicionais e, especialmente, coa lírica galega medieval”, expón Bieito Romero. Así, neste segundo traballo aparecen cantigas que Luar Na Lubre versionou en anteriores ocasións, e conta con colaboracións tan interesantes como as de Diana Navarro, Ismael Serrano, Pablo Milanés, Miro Casabella, a Orquestra Sinfónica de Bratislava ou Carlos Jean.