Construir Galicia(s). Lugar, elecciones y política nacionalista (Trama editorial)
María Lois: “Unha idea homoxénea de nación é un mito”
María Lois Barrio, profesora na Facultade de Ciencias Políticas da Universidade Complutense e autora de Construir Galicia(s). Lugar, elecciones y política nacionalista (Trama editorial).
María Lois Barrio é profesora na Facultade de Ciencias Políticas da Universidade Complutense e autora dunha tese sobre a “produción e reprodución” do nacionalismo galego desde a “perspectiva do lugar”, unha investigación de xeografía política que deu como resultado o libro Construir Galicia(s). Lugar, elecciones y política nacionalista (Trama editorial), que foi presentado a semana pasada en Fene, un dos lugares das pescudas (o outro foi Allariz) a principios da década dos dous mil.
- Lugares son, segundo o teu marco teórico, espazos aos que se asocian vivencias e vivencias ás que se asocian identidades que confiren sentido aos espazos e ás vivencias até construír unha comunidade. Por que Allariz e Fene?, por que decides estudar a construción da identidade nacionalista nestes lugares?
- Despois de desenvolver o marco teórico precisaba seleccionar estudos de caso, e o que fixen foi traballar coas porcentaxes de apoio electoral ao BNG desde 1977. Estes dous casos sobresaían polas extraordinarias porcentaxes de apoio, apoio sostido a partir das municipais de 1979. E logo eran tamén dous sitios moi diferentes en termos estruturais. Allariz era unha vila de interior cos problemas habituais do rural: avellentamento, despoboamento, falta de tecido industrial. E Fene era a periferia dunha cidade industrial marcada pola existencia do estaleiro, que determinaba desde o movemento demográfico até as decisións políticas. Eran coma dos arquetipos de municipios absolutamente diferentes nos que atopei a variable común de apoio sostido ao BNG.
- Que buscabas?, as razóns do apoio ao BNG? A posibilidade de xeneralizar para todo o país as razóns dese apoio?
- O que pretendía era entender por que en diferentes lugares, con contextos tan diferentes, votábase ao mesmo partido. Porén, ese partido na práctica significaba cousas moi diferentes. Quero dicir, ser nacionalista en Allariz non ten nada que ver con ser nacionalista en Fene, o mesmo que ser labrego ou ser asalariado. O que buscaba era os mecanismos de construción colectiva dos significados do nacionalismo neses dous sitios. Por dicilo academicamente: as prácticas de socialización política en lugares diferentes.
- E que significa ser nacionalista en Allariz e selo en Fene, ou que significaba na época do estudo de campo?
- Ser nacionalista en Allariz significaba poñer en valor os recursos propios, rurais e vilegos, recuperala xestión deses recursos e tamén, e isto é moi importante, retomar determinadas tradicións. No caso de Fene, o que eu entendía que significaba ser nacionalista era participar dunha mobilización moi ligada ao estaleiro e ao tecido asociativo que ten que ver cunha forma de entendelo traballo e a vida social, moi nucleada en torno ás asociacións e integrando á parte rural do municipio.
- E que papel xoga nesa construción nacional a estrutura social?
- A articulación do sentimento nacionalista tamén se produce en función da estrutura social dos lugares. Pero non porque a estrutura social determine ese nacionalismo, senón porque as formas de facer política están ligadas á estrutura social. En Allariz, neses anos de principio de século, cando fixen o estudo, non se falaba de recuperar carga de traballo para o naval; do mesmo xeito que en Fene non se falaba nos mitins de cota láctea. Quero dicir que nese momento o BNG era quen de incluír discursos totalmente diferentes e seguir manténdose coma unha organización relativamente partidaria.
- Diferentes pero non contraditorios.
- Non, claro. A diversidade non é mala.
- No libro falas de 315 ‘Galizas’, en referencia a que cada concello tiña a súa propia relación co nacionalismo. Iso converte ao nacionalismo nun significante baleiro?
- Non. Nada diso. O que hai son prácticas heteroxéneas en torno a unha mesma idea de nación. Unha idea homoxénea de nación, que funcione da mesma maneira en todos os lugares, iso é un mito. Na práctica, a xente cando pensa en nacionalismo pensa en cousas diferentes, que non son necesariamente contraditorias.
- Naqueles momentos a fortaleza do BNG viña dese traballo desde realidades locais, desde abaixo? A debilidade posterior ten algo que ver cunha certa homoxeneización do discurso sobre o país?
- Probablemente houbera algo diso. O traballo desde abaixo facíase, pero era un tanto disperso. Eu podo considerar aquilo coma unha riqueza. Quizá nalgún momento se pensou que había que facelo máis homoxéneo. Ocorren varias cousas á vez. Houbo unha transformación da fronte cara un partido. Iso foi clave por todas as implicacións sobre as tomas de decisións. Sempre houbo esa tensión interna, que se sostivo mentres os resultados electorais ían subindo. Por dicilo dalgunha maneira, houbo máis partido e menos heteroxeneidade coincidindo co cambio de século e o devalo electoral.
- Mais o BNG séguese a definir coma unha fronte.
- Desde logo a organización reviste forma de partido, e incluso viña mudando desde antes en función da correlación de forzas. Se o BNG se converteu nun partido foi porque os militantes quixeron que se convertera niso tamén. En calquera caso, a evolución interna do Bloque non era un factor relevante para o que eu andaba buscando.
- Como viches a evolución do BNG desde o 2005, cando remata a análise que fas no libro.
- No 2005 BNG foi quen de chegar a acordos co PSOE e de significarse como partido de goberno. As tensións internas do BNG, en canto partido de goberno, quedaron máis expostas. A crise de apoios electoral ven de antes do bipartito. Penso que o punto de inflexión estivo no final do liderado de Beiras, cando deixou a portavocía. En como se resolveu todo aquilo da sucesión. Iso estopou anos despois en Amio. Os problemas nos partidos, en todos, chegan cando empezan a baixar os votos.
- Falas no libro dunha “batalla pola hexemonía”, “por quen é o auténtico representante dos intereses de Galiza”; e a continuación explicas como o PP, desde Fraga, constrúe o marco do que é Galiza. Ese marco non se rompeu até hoxe, como influíu na construción da nación desde o nacionalismo?
- Fraga aproveitou dun sentimento que xa existía. Se miras as enquisas do CIS nos anos noventa, vemos que Galicia é un sitio onde a xente ten un sentimento de diferenza moito máis acusado que noutras comunidades históricas. Son diferenzas culturais que a xente percibe, outra cousa é que iso se converta na base para un nacionalismo político. Desde Fraga, a Xunta traballou de maneira consciente na construción dunha identidade colectiva para Galicia. Colectiva, non nacional. E o que fixo foi asentar esas cuestións que podían funcionar como catalizadores. Cousas coma o folclore ou a gastronomía e o uso da Televisión de Galicia, pero tamén cuestións explicitamente políticas, como o recurso á Administración única ou a reforma do Senado. E isto ocorre tamén en medios como La Voz de Galicia, un dos grandes construtores desa identidade colectiva, como xa analizou Ramón Máiz, entre outros investigadores da Universidade de Santiago que levan traballando estes temas dende fai anos. E toda esa construción capitalizouna nas eleccións o Partido Popular até hoxe. A diferenza cultural non había que inventala, existía; e non derivou nun voto nacionalista. Nas últimas eleccións, parte do éxito do BNG estivo en que as eleccións se moveron no marco de Galicia, un marco que recuperou moi intelixentemente Feijoo.
- Cales son as diferenzas entre esa identidade colectiva e unha identidade nacional?
- Poden coincidir nalgunhas cousas, pero a identidade nacional desde o nacionalismo histórico ten que ver moito máis con demandas históricas da esquerda, relacionadas coa memoria, coas tradicións, e tamén coa ecoloxía ou co mundo do traballo.
- En que parou esa identidade de nación en Allariz e en Fene?
- No caso de Allariz, no propio. Na recuperación do orgullo e a dignidade, a partir da recuperación de iconas propias, do río, das festas e os oficios. E todo desde unha posición de esquerda que aparece claramente cando se define cara fóra en cuestións como o Sáhara. No caso de Fene tamén xogou un papel a posta en valor do propio: o estaleiro, os xogos da xuventude ou a recuperación do monumento ao camiñante, pero necesariamente desde unha posición máis ampla. Cando fixen o estudo, o BNG levaba vinte e pico anos no goberno de Fene, e a forma na que se foran construíndo como partido de goberno fixéraos mirar moito cara fóra e desde o principio ir tomando posicións sobre moitas máis cuestións.
- Se houbo certa homoxeneización do discurso no BNG, cara onde tirou máis, cara Allariz ou cara Fene?
- Penso que foi máis cara a construción que se fixo en Allariz.
- Falando do presente, que lectura fas do ciclo político en Galiza despois das autonómicas de setembro?
- A maioría absoluta de Feijoo era previsible. Pero o que máis me sorprendeu da campaña foi que nun momento do debate na Televisión de Galicia empezouse a discutir sobre o uso do galego na televisión pública autonómica e nos medios en xeral. E coma si estivésemos a discutir nun marco pre autonómico. Como se pode poñer iso en cuestión pareceume sorprendente, na onda da discusión sobre o bilingüismo. Aí demostrouse que Feijoo é quen define o campo de xogo. É máis, no debate falouse máis do que Feijoo ía facer cando seguise gobernando que do que xa fixera. Penso que vivimos nunha hexemonía do PP que vai máis alá do electoral. De En Marea o que podo dicir é que penso que soubo capitalizar determinadas loitas históricas e interpretar as crises doutros partidos e está ben situada. A cuestión é a súa evolución, especialmente nos contextos municipais en xeral e urbanos en particular, que creo que serán decisivos.
- Como influirá o proceso catalán noutras forzas nacionalistas do Estado?
- Penso que a maioría das forzas nacionalistas fóra de Cataluña están cómodas no marco autonómico. Non vexo demasiada vontade de poñelo en cuestión nin en Euskadi nin aquí. Pode pasar que o proceso sexa máis utilizado por outras forzas, de dereitas e de esquerdas, para sacalo a pasear coma unha pantasma. No caso de Podemos está no dereito a decidir, unha posición un tanto ambigua que non creo que poda sosterse indefinidamente.