Arte

María Xesús Díaz presenta "LICENCIA EMOCIONAL" na galería Herraiz de Madrid

A artista coruñesa inaugura unha exposición na que a mancha e a cor son os protagonistas principais, expresando as súas emocións máis recentes e profundas.
María Xesús Díaz presenta "LICENCIA EMOCIONAL" na galería Herraiz de Madrid
María Xesús Díaz
María Xesús Díaz

O vindeiro 25 de setembro, ás 20:00 horas, a mítica galería Herraiz de Madrid (Don Ramón da Cruz, nº 27) acollerá a inauguración da exposición "LICENCIA EMOCIONAL" da artista coruñesa María Xesús Díaz. Nesta mostra, Díaz propón un percorrido polas súas emocións máis recentes, empregando a mancha e a cor como os elementos principais da súa obra. 

“A liberdade de expresarme e dar renda solta ás miñas emocións sen que me afecten os estímulos da contorna, é o que contemplo como LICENZA EMOCIONAL”, comenta a artista. Esta perspectiva implica asumir que a percepción de quen se deteña a observar a súa obra sexa libre, anárquica e sen límites impostos.

Recreo (acrílico sobre lienzo)
Recreo (acrílico sobre lienzo)

Unha análise desde a crítica de arte

O historiador e crítico de arte Pedro Cabarcos ofrece unha reflexión profunda sobre a exposición "LICENCIA EMOCIONAL". Segundo Cabarcos, cada decisión tomada por María Xesús Díaz na súa obra libera a súa licenza emocional. Esta rebeldía, que forma parte do ADN da artista, nace da insatisfacción e lévaa a evitar acomodarse no xa aprendido. "Se existe a arte, é por esa capacidade de asombro que María Xesús Díaz achega, como fixeron os grandes artistas", afirma Cabarcos.

A obra de María Xesús leva ao espectador a buscar recursos dialécticos para tratar de explicar o que ve, o que parece e o que debería pensar, dende o superficial ata o máis profundo. A coherencia presente na traxectoria da artista, e as múltiples lecturas e narrativas que suxiren as súas pezas, invitan a contemplar unha realidade de dimensións superiores. Para Cabarcos, coñecer a traxectoria da artista é clave para comprender as atmosferas que presenta, as cales "asolagan todo" e conectan co espírito da vangarda contemporánea, explorando o baleiro cheo e o mutante continuo que habita o noso entorno.

Armonía (acrílico sobre lienzo)
Armonía (acrílico sobre lienzo)

Unha abstracción que conmove e desafía

As obras de María Xesús Díaz transitan polo informalismo consciente da abstracción pura, non como un fin en si mesmo, senón como camiño cara á realidade. Cada peza é un intre único, unha experiencia irrepetible que afonda na técnica como medio para liberar a emoción. A súa habilidade coa espátula non é máis que unha escusa para desbordar os propios límites técnicos, buscando un resultado onde prevaleza o fin artístico sobre o medio empregado.

"LICENCIA EMOCIONAL" ofrécese, pois, como un espazo de liberdade expresiva e sensorial, onde o público é convidado a explorar o que a artista denomina como "o baleiro cheo", un concepto que desafía a percepción e envolve ao espectador nun universo de sensacións e reflexións que van máis alá do observable.

María Xesús Díaz presenta "LICENCIA EMOCIONAL" na galería Herraiz de Madrid