Axenda cultural
"Musicando no Nadal", actividades lúdicas en galego no Ágora
O servizo municipal de Normalización Lingüística organiza este ciclo musical que terá lugar os días 2,3 e 4 de xaneiro
O ano arrincará no centro municipal Ágora con música e espectáculos para a toda a familia da man de Musicando no Nadal, a programación específica do Servizo de Normalización Lingüística do Concello da Coruña que busca "ofertar nestas datas espectáculos de calidade que poder celebrar con toda a familia e en lingua galega". As entradas para asistir aos diferentes eventos musicais poderán retirarse na web de ticketea a partir deste martes, 26 de decembro.
O Musicando no Nadal terá lugar no auditorio do Centro Ágora os días 2, 3 e 4 de xaneiro. A programación abrirase con Paco Nogueiras co seu Brinca vai 2.0! o vindeiro mércores 2, ás 18.30. Trátase dun espectáculo musical e audiovisual baseado no libro-cddvd Brinca Vai!, editado por Kalandraka, no que se combinan cancións, imaxes, vídeos, animacións, retransmisións en directo e interpretacións cos ritmos e rexistros máis divertidos. Nesta ocasión, o músico e actor Paco Nogueiras e o artista audiovisual Xosé Miguel Sagüillo combinan a súa tecnoloxía, aparatos e instrumentos nunha divertidísima viaxe chea de humor, cores, imaxes, baile e cancións. As alegrías, as amizades, os libros, a poesía, a ecoloxía, as festas do ano (o magosto, o samaín, o entroido, o Nadal) e o respecto á lingua galega serán parte da equipaxe
Pola súa banda, o xoves 3 de xaneiro, ás 18.30 chegará Olga Brañas e o espectáculo Pitusa Semifusa e os estilos musicais. Despois do éxito obtido co primeiro traballo Olga Brañas publicou Pitusa Semifusa e os estilos musicais, con cancións para coñecer o blues, o reggae, o funky, o swing, o hip hop... Pitusa Semifusa, a través das súas cancións, achéganos un mundo cheo de matices musicais que cómpre gozar e valorar na súa diversidade.
Para pechar o Musicando no Nadal, Magín Blanco presenta o traballo Camiños dos paxaros, un espectáculo baseado no traballo que acaba de presentar, un libro-CD ilustrado por Leandro Lamas. Trátase dun espectáculo teatral que se converte nunha viaxe e un lugar de encontro e descubrimentos para os nenos. A través de cancións, contos, poemas e textos de destacados escritores galegos e da inspirada musica de Magín, os mozos e mozas atópanse claves e pistas que, á vez que lles divirten, contribúen ao seu desenvolvemento emocional.
As entradas para estes tres eventos poderán retirarse a partir do 26 de decembro no portal ticketea, concretamente nas ligazóns seguintes:
- Brinca Vai 2.0: http://i.gal/brincavai20.
- Pitusa Semifusa e os estilos musicais: http://i.gal/pitusa.
- Os Camiños dos Paxaros de Magín Blanco: http://i.gal/magin.
Máis información na páxina do Servizo de Normalización Lingüística do Concello da Coruña, www.coruna.gal/lingua.