Axenda Cultural
Outorgados os XII Premios Luís Tilve
O acto público de entrega terá lugar o 20 de decembro en Santiago de Compostela
15 dic 2018
Santiago, 13 de decembro de 2018.- Trala deliberación dos membros do Xurado dos Premios Luís Tilve 2017, que preside Fernando González Laxe e composto por: José Antonio Gómez Gómez, Salvador Fernández Moreda, Álvaro Ansias Bacelar, Carmen Avendaño Otero, Ana Romero Masiá, Tareixa Navaza González, Ma Xosé Rodriguez Galdo e Roxelio Pérez Poza; este acordou facer públicas as propostas premiadas na XII edición, que son as seguintes:
- O premio Acción Solidaria outórgase á Asociación Amencer-ASPACE, polo seu compromiso coas persoas con parálise cerebral e outros trastornos neuro-motores, dende fai 25 anos, a través de proxectos de atención especializada a domicilio, dun Centro Educativo e dun Centro de día en Pontevedra, un Centro de Información, apoio e orientación en Vigo e un Centro Educativo e de Día en Vilagarcía, proxectos de integración laboral, formación de voluntarios, e outras moitas actividades coas que se está dando resposta ás necesidades dos afectados para ser cidadáns de pleno dereito.
- O premio Defensa do Medio Ambiente e dos Bens Comúns, recaeu en J. Pedro Mansilla Vázquez, pola súa traxectoria no campo da enxeñería agroforestal e, especialmente, polo seu traballo na conservación forestal de Galicia e na loita contra as pragas que ameazan os nosos montes, tanto dende o seu posto de Enxeñeiro Xefe da Estación Fitopatolóxica de Areeiro, como a través dos seus numerosos estudos e investigacións, tales como: “Patología de la vid”, “Tratamientos fitosanitarios de las masas forestales: plagas y enfermedades”, “Problemas fitosanitarios de los robles y castaños en Galicia”, “Control de plagas y enfermedades de la vid y huerta en la zona fronteriza Galicia-Norte de Portugal”, “Estudio del ataque de insectos en las masas forestales”, “Impacto del fuego en los suelos forestales y en la regeneración de la masa forestal”, “Estudio de los efectos que produce en el suelo el cultivo de Eucalyptus globulus”.
- O premio Investigación e Divulgación Histórica, recalou no historiador Jesús Manuel García Díaz, pola súa investigación “La depuración del magisterio nacional en la provincia de A Coruña (1936-1945)”, que recolle todo o proceso da represión dos docentes durante a Guerra Civil e a posguerra, así como as consecuencias que tivo para un colectivo e uns profesionais cuxo único delito foi o de comprometerse firmemente na transformación dun país atrasado e conservador, aprestándose a achegar os seus coñecementos e a súa formación pedagóxica coa fin de modernizar Galicia, creando escolas e levando a educación ós lugares máis afastados. O traballo será, ademais, publicado pola Fundación.
- O premio Traballo Digno que nesta edición foi outorgado a Jesús Mosquera Sueiro, pola súa traxectoria na defensa dos dereitos dos traballadores e pola súa loita na procura, precisamente, da dignificación do traballo, xa foi entregado nun acto anterior, o 12 de xullo, que foi aproveitado para homenaxear a súa figura e a súa familia, pero que neste acto tamén será lembrado.
O acto público de entrega dos premios terá lugar en Santiago de Compostela o vindeiro xoves día 20 decembro, ás 12:00 horas, no Salón de Actos de UGT-Galicia (Rúa Miguel Ferro Caaveiro, 12).