Teatro

Presentación do programa da 37ª MIT: "A arte marca a diferenza”

Unha MIT europea, recupera o contacto de Galicia co teatro internacional grazas á estrea da prestixiosa compañía belga de Jan Lauwers e a presentación do aclamado coreógrafo grego Christos Papadopoulos.

Presentación do programa da 37ª MIT: "A arte marca a diferenza”
Cartaz-MIT-2021-cmyk--409x800
Cartaz-MIT-2021-cmyk--409x800

O festival quere ser unha clara expresión de recuperación cultural, económica e turística, apostando pola calidade e a coherencia dun programa con catro coproducións galegas, varias estreas nacionais e internacionais, talleres e foros.

As fake news, a desmitificación do amor romántico, o feminicidio, a dramaturxia contemporánea e as versións a partir da obra de Shakespeare, núcleos temáticos e conceptuais que estruturan esta 37ª edición.

A 37ª edición da MIT desenvolverase ao longo de 10 xornadas cunha intensa programación en múltiples lugares de Ribadavia, a maioría ao aire libre, coa incorporación de espazos singulares como as vistas ao val do Avia dende A Franqueirán, dentro do programa SputMIT, satélites da MIT. A Casa da Cultura, o Castelo, a Igrexa da Madalena e a Alameda, completan o conxunto de lugares nos que se poderá gozar de todo tipo de espectáculos, pezas de danza vertical sobre fachadas, pezas sobre memoria histórica e memoria cultural, teatro-circo, premiados espectáculos para toda a familia ou humor con actores e actrices da talla de Malena Alterio, Mabel Rivera, Tomás Pozzi, Luis Bermejo, etc.

A apertura do festival contará coa estrea do novo espectáculo de Jan Lauwers, Billy's Violence, o día 16 de xullo, un espectáculo creado pola compañía Needcompany, a partir das dez traxedias de Shakespeare, e péchase o día 25 coa obra de teatro físico Dejà vu, do "artesán escénico" catalán recentemente premiado pola súa dramaturxia de teatro circo Manolo Alcántara. Ao longo dos días, o público poderá ir lendo o desenvolvemento dun relato escrito sobre os escenarios da fermosa vila de Ribadavia, un relato pensado e deseñado para facernos ver temas enfiados e fontes de creación con diversos estilos, como pode ser a obra dun autor clásico coma William Shakespeare, do cal teremos a versión plástica, musical e irreverente do Othello de Voadora (en coprodución coa propia MIT, o Teatro de la Abadía e o Teatro Nacional Saõ João de Portugal) ou a versión de limpeza física, de precisión vocal e forte impacto visual do Rey Lear de Atalaya, compañía xa coñecida e recoñecida na historia do noso festival.

No ámbito temático, veremos cómo se tocan obran tan dispares como The Mountain (da xa coñecida compañía Señor Serrano, que hai anos estivo con grande éxito na MIT coa súa obra A house in Asia) co Othello de Marta Pazos e Fernando Epelde grazas á reflexión sobre a posverdade ou a construción das noticias falseadas e manipuladas. Ou a cuestión da caza de bruzas en obras distantes como a escrita por Diana Mera para un elenco de once atrices (Soga e Cinsa, coprodución da MIT coa compañía galega Aporía Escénica) coa obra de Lauwers, que explora na violencia, unha das preocupacións recorrentes do seu repertorio escénico. Tamén veremos, cómo a partir da autoficción e da situación de convivencia no Camiño de Santiago, Redrum fala na estrea da súa nova peza, entre outros temas, da desmitificación do amor romántico e logo o dramaturgo Tomás Cabané incide nesta cuestión con Querido Capricho a través da historia dunha muller confinada e namorada dun mozo menor ca ela, maxistralmente interpretada por un gran actor, Tomás Pozzi.

O festival de Ribadavia é polo tanto, un convite para o espectador activo, para o espectador que se quere deixar soprender e descubrir as linguaxes escénicas máis innovadoras e que pon en relación focos, tendencias sinaladas, atrevementos, riscos e traballos que non nos van deixar indiferentes.

Ademais dos espectáculos para público adulto, a MIT tamén conta cunha oferta de igual nivel de espectáculos para o ámbito familiar, con prestixiosos e sorprendentes espectáculos, como Cris, pequeña valiente, unha peza da anadluza El espejo negro, coproducida polo Teatro Soho de Antonio Banderas e que aborda a temática da transexualidade cunha poética e sensibilidade excepcionais. Tamén, na rúa, teatro de monicreques a partir da vida e obra de Concepción Arenal, de Xela Arias (a autora homenaxeada polo Día das Letras Galegas) ou a premiada danza de hipopótamos dos valencianos Zum Zum Teatre.

Precisamente no ámbito da danza e as artes do movemento, a MIT sempre ten moi presente a necesidade de achegarse aos procesos e ás pezas, este ano tamén publicacións e encontros co público para dar a coñecer unha disciplina moi pouco presente e en claro desequilibrio na programación regular dos nosos teatros. Esta anomalía que mantén á danza apartada do público en alta porcentaxe nos teatros resulta incompresnible pola calidade e o interese do público na diversidade coreográfica (como demostrou o ano pasado por exemplo Nova Galega de Danza ao obter o premio do público na MIT) e o interese polas artistas por realizar actividades de mediación e divulgación e dala a coñecer dun xeito amplo. Nese sentido, a MIT continúa coa 3ª edición de Residencias Paraíso, acollendo este ano á bailarina Adriana Reyes, ao coreógrafo e bailarín Javier Martín ou a presentación do libro de historia da danza contemporánea galega do profesor e investigador Afonso Becerra, editado en Através Editora. Pero ademais, dúas magníficas pezas de danza terán cabida este ano na grella de espectáculos, a peza de autoficción Bailar Agora, da ourensá Marta Alonso Tejada, con magnífico traballo lumínico de Laura Iturralde, unha obra con gags cómicos circense que repasa a súa historia de vida, con algo de fabulación e con sorpresas, desde a formación clásica ata a liberación e o sentido da danza na vida desta moza "de provincias" que decidiu viaxar e coñecer. Na parte internacional, Christos Papadopoulos, coreógrafo do equipo de artistas que deseñou as cerimonias de apertura e clausura dos Xogos Olímpicos de Atenas de 2004, así como dos Xogos Europeos de Bakú en 2015. Unha das figuras estrela da danza europea, presente nos contextos máis prestixiosos de Europa coma o Julidans, Onassis Center, RomaEuropa, Théâtre de la Ville de París, Théâtre Vidy-Lausanne, Théâtre Les Halles de Schaerbeek de Bruxelas, Le Lieu unique, scène nationale de Nantes, Le Quartz - Scène nationale de Brest, etc. Por primeira vez en Galicia unha figura emerxente e moi orixinal, presenta unha das súas pezas de repertorio, Elvedon, espectáculo inspirado na novela de Virginia Woolf The Waves (As ondas), unha obra que trata sobre a vida de seis amigos desde a infancia ata a madurez e a vellez.

A madurez e a terceira idade son o motor compositivo de Terceiro Acto, que a MIT acolle nunha función especial e de peche. Outra peza que, a partir tamén da técnica da autoficción, tan estudada e practicada por dramaturgos coma o uruguaio Sergio Blanco, presenta unha situación de parodia e confesión íntima, memoria e sensibilidade con respecto á diferenza e a convivencia interxeracional, sobre a historia do noso teatro e o presente, as modas e as valores, a desinhibición e o valor da experiencia acumulada por quen abriu moitos camiños nas nosas vidas e na nosa cultura.

Oportunidades únicas para a toma de contacto, nunha MIT moi europea, con grandes mestres de novo na nómina de artistas convidados pola MIT a Galicia, como Jan Lauwers, un gran referente do canon do teatro actual, que o profesor López Antuñano define como “ creador de espectáculos sustentados no mundo da imaxe, fortemente sensoriais e cunha aposta decidida pola beleza, a linguaxe multidisciplinar, a reiteración de temas (morte, violencia, poder, voyeurismo, pracer, eros, insatisfacción e hostilidade do mundo ou da sociedade, que irrompen en todos os espectáculos) eclipsan unha característica deste director, a paixón por contar, a coidadosa narratividade escénica e o esmerado traballo dramaturxístico.”

Tamén a oportunidade de estreas de dramaturgos contemporáneos españois emerxentes coma Pablo Rosal ou galegos coma o ourensán Fernando Epelde (por partida dobre na MIT con #2Pilgrims e a versión de Othello), pezas coproducidas polo Centro Dramático Nacional coma Querido Capricho ou a convivencia de tres dramaturgos galegos e portugueses no concurso de reescrita que chamamos DramMITurga e que conta co apoio do Centro Dramático Galego, o Instituto Camões e a propia Asociación que impulsa a iniciativa, DramaturgA, Asociación Galega de Dramaturxia.

Todas esas experiencias únicas que se viven nun festival de días intensos e de convivencia, entre o internacional e o máis próximo, como a celebración do 40 aniversario da compañía ourensá Sarabela coa posta en escena do seu autor fetiche, Manuel Rivas, con A lingua das bolboretas. Foros e cursos coma o de Amaya Galeote e Noemi Rodríguez, coreógrafa e directora respectivamente do espectáculo Terceiro Acto, que traballarán arredor do movemento escénico, a dramaturxia visual e a coreografía para corpos e formacións diversas, etc.

A reserva de abonos para todos os espectáculos do Castelo rematará o día 30 de xuño e a partir do 1 de xullo poderanse mercar as entradas de todos os espectáculo na wen www.ataquilla.com ou na propia oficina do festival, na entrada da Praza Maior de Ribadavia. O prezo varía entre os 5 e os 10 euros.

A MIT conta co apoio do INAEM-Ministerio de Cultura e Deporte, a AGADIC-Xunta de Galicia, a Deputación de Ourense, diversos patrocinadores privados, o propio Concello de Ribadavia e mantén un orzamento máis ou menos estable de arredor de 180.000€.

 

PROGRAMA 37ª MIT RIBADAVIA 2021

16-25 XULLO

PreMIT, previas da MIT

Día 14 // MÉRCORES

23:00 – Auditorio “Rubén García” do Castelo – Teatro do Vilar. Apoio ao teatro afeccionado de Ribadavia.

Día 15 // XOVES

21:00 – Salón de Actos do Concello – Presentación do libro O tsunami, de Marcos Abalde Covelo (Premio Abrente 2020) e resolución do XVI Premio Abrente de Textos Teatrais 2021.

Día 16 // VENRES (Inauguración oficial)

  • 20:00 – Alameda (Ruadavia) – Hippos – Zum Zum Teatre – Comunidade Valenciana.
  • 20:30 Inauguración oficial da MIT 2021. Adro de Santo Domingo.
  • 21:00 Entrega do Premio de Honra “Roberto Vidal Bolaño” ao mérito nas artes escénicas.
  • 21:30 – Alameda (Ruadavia) – Hippos – Zum Zum Teatre – Comunidade Valenciana.
  • 23:00 – Auditorio “Rubén García” do Castelo – Billy's Violence – Needcompany - Jan Lauwers – Bélxica.

Día 17 // SÁBADO

  • 21:00 – Auditorio “Manuel María” da Casa da Cultura – Los que hablan – Teatro del Barrio – Madrid.
  • 23:00 – Auditorio “Rubén García” do Castelo – Othello – Voadora – Galicia. (Coprodución da MIT)
  • 00:00 – Foros MIT. Coloquio con Marta Pazos. Patio de Turismo.

Día 18 // DOMINGO

  • 21:00 – Igrexa da Madalena – Coreografías selváticas – Adriana Reyes – Residencias Paraíso.
  • 23:00 – Auditorio “Rubén García” do Castelo – The Mountain – Compañía Señor Serrano – Cataluña.
  • 00:00 – Foros MIT. Coloquio coa compañía. Patio de Turismo.

Día 19 // LUNS

  • 21:00 – Sampaio– Contos a pé de rúa – Caxoto - A trastenda dos contos – Galicia. (Programa SputMIT – satélites da MIT).
  • 23:00 – Auditorio “Rubén García” do Castelo – Rey Lear – Atalaya – Andalucía.
  • 00:00 – Foros MIT. Coloquio coa compañía. Patio de Turismo.

Día 20 // MARTES

  • 21:00 – Francelos – Carman – Javier Ariza – Cataluña. (Programa SputMIT – satélites da MIT).
  • 23:00 – Auditorio “Rubén García” do Castelo – Terceiro Acto – CDG – Galicia.
  • 00:00 – Foros MIT. Coloquio coa compañía, conducido por Laura Míguez. Patio de Turismo.

Día 21 // MÉRCORES

  • 20:00 – Auditorio “Manuel María” da Casa da Cultura – 2 pilgrims – Redrum Teatro. Galicia.
  • 21:00 – San Cristovo – Fábulas da montaña – Larraitz – Galicia. (Programa SputMIT – satélites da MIT).
  • 23:00 – Auditorio “Rubén García” do Castelo – Soga e cinsa – Aporía Escénica – Galicia. (Coprodución da MIT)
  • 00:00 – Foros MIT. Coloquio coas compañías Redrum e Aporía. Patio de Turismo.

Día 22 // XOVES

  • 20:00 – Igrexa da Madalena – Os actos da inercia – Javier Martín – Galicia.
  • 21:00 – A Franqueirán – Fábulas da montaña – Larraitz – Galicia. (Programa SputMIT – satélites da MIT).
  • 23:00 –Auditorio “Rubén García” do Castelo – A lingua das bolboretas – Sarabela Teatro – Galicia.
  • 00:00 – Foros MIT. Coloquio coa compañía. Patio de Turismo.

Día 23 // VENRES

  • 20:00 – Santo André– Xeliña fala galego – Caxoto - A trastenda dos contos – Galicia. (Programa SputMIT – satélites da MIT).
  • 21:00 – Auditorio “Manuel María” da Casa da Cultura – Bailar agora – Traspediante – Galicia.
  • 23:00 – Auditorio “Rubén García” do Castelo – Elvedon – Lion and the Wolf - Christos Papadopoulos – Grecia.
  • 00.00 – Foros da MIT. Coloquio e presentación do libro História da dança contemporânea na Galiza, de Afonso Becerra.

Día 24 // SÁBADO

  • 21:00 – Auditorio “Manuel María” da Casa da Cultura – Cris, pequeña valiente – El espejo negro – Andalucía.
  • 23:00 – Auditorio “Rubén García” do Castelo – Querido Capricho – CDN e Malala Prod. – Madrid.
  • 1:00 – Praza da Madalena (Ruadavia) – Vértigo – Pistacatro – Galicia. (Coprodución da MIT)

Día 25 // DOMINGO

  • 12:00 – Igrexa da Madalena – Dramiturga – Galicia e Portugal.
  • 21:00 – Alameda (Ruadavia) – Distans – Vol'e Temps – Andalucía.
  • 23:00 – Auditorio “Rubén García” do Castelo – Déjà vu – Cia. Manolo Alcántara – Cataluña.
  • 00:00 – Foros MIT. Coloquio coa compañía arredor do novo circo. Patio de Turismo.

 

Presentación do programa da 37ª MIT: "A arte marca a diferenza”