Republicano de Honra 2017

Os actos da homenaxe a Francisco Pillado comezan cunha charla este martes no Círculo de Artesáns

Este luns haberá recepción institucional ao Republicano de Honra 2017, Francisco Pillado, no Concello. Tamén será recibido na Deputación e polo Reitor da UDC. O martes seguen as homenaxes cun acto no Círculo de Artesáns.

Os actos da homenaxe a Francisco Pillado comezan cunha charla este martes no Círculo de Artesáns
Pillado Maior no seu despacho-min
Pillado Maior no seu despacho.

Francisco Pillado Maior será recibido esta mañá no Concello da Coruña (11.00 horas) nunha recepción institucional -visitará tamén estes días a Deputación Provincial e o Reitorado- que abre a semana de actos dedicados a homenaxear ao Republicano de Honra 2017, distinción que concede a Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica (CRMH).

Mañá martes, no Círculo de Artesáns da Coruña (20.00 horas) celebrarase unha charla coloquio na que Pillado Maior compartirá escenario cos escritores Xosé Luna (autor hai dez anos dunha biografía de Francisco Pillado, No pazo de Laiovento) e Henrique Rabuñal. "Conversador, lector e melómano, observador, home libre, Pillado leva consigo os afluentes da cultura e da vida. Dígoo como o sinto. Para moitos de nós, Pillado é un exemplo e unha bandeira. Que gastou a vida en facernos máis ricos moitas veces por camiños e atallos afastados do amparo institucional. Con todo merecemento é republicano de honra porque nel viven os fundamentos da república. Pillado é libre porque nunca quixo ser nin domado nin domesticado", di del Rabuñal nun texto que presenta a bibliografía esencial de Pillado Maior publicado na web da CRMH.

O xoves día 20 terá lugar o acto solemne de proclamación de Pillado Maior como Republicano de Honra. Será na Real Academia Galega (20.00 horas). O homenaxeado estará acompañado entre outros por Víctor F. Freixanes, presidente da RAG, e pola profesora Pilar García Negro, encargada de pronunciar a laudatio. Nun artigo no folleto de presentación de Pillado Maior que editou a CRMH, García Negro subliña que o homenaxeado "utilizou con proveito os talentos que lle foron dados (seu avó, músico e compositor de enorme mérito; seu pai, bibliófilo e insubornábel xornalista) e púxoos a render ao servizo dunha resposta e dunha alternativa. A resposta á abafante represión da ditadura; a alternativa a tanto silencio e tanta exclusión programada, na procura dunha cultura merecente de tal nome."

O venres día 21 terá lugar a Cea da República e, con anterioridade, a CRMH renderá homenaxe aos represaliados polo franquismo cunha ofrenda floral no Memorial Xermolo.


 

 

 

 

 

Os actos da homenaxe a Francisco Pillado comezan cunha charla este martes no Círculo de Artesáns