Festas de María Pita 2023

Viñetas 2023 rende homenaxe as autoras pioneiras do cómic underground adulto en España na súa segunda xornada

Este luns, ás 18.00h, tivo lugar a inauguración oficial da 26º edición do Salón Internacional do Cómic da Coruña no Kiosco Alfonso; a alcaldesa Inés Rey puxo en valor os obxectivos marcados para este 2023, “un festival que procura dar voz e presenza ás mulleres do cómic, así como render homenaxe a figuras desaparecidas recentemente”
Viñetas 2023 rende homenaxe as autoras pioneiras do cómic underground adulto en España na súa segunda xornada
IMG_2525
IMG_2525

A historietista barcelonesa Laura Pérez Vernetti tomou parte no acto de apertura de Viñetas desde o Atlántico, que converterá á Coruña na capital universal da banda deseñada e contará con máis dun cento de propostas

Mañá martes, 8 de agosto, Isa Feu, Marta Guerrero, Marika Vila, Elisa McCausland e Laura Pérez Vernetti -algunhas das máis relevantes firmas femininas da historia da banda deseñada española desde os 70 ata a actualidade- ofrecerán un paseo guiado pola súa exposición ¡Mujercitas del mundo entero, uníos!, no Kiosco Alfonso (ás 12.00 e ás 18.00h) e participarán nunha mesa redonda no Teatro Colón (ás 19.00h)

Tamén mañá martes, na Rúa da BD, aberta de 11.00 a 14.00 e de 17.00 a 21.00h, asinarán as súas obras Inacio e Iván Suárez (Demo Editorial), Anémona de Río e José Malvárez Carleos (Anaya) e Javier Monja Potente e Frank Peñas Arias (T-Raptor Editorial)

 

A Coruña, 7 de agosto de 2023.- Este luns arrancou a 26ª edición do Salón Internacional do Cómic da Coruña, ‘Viñetas desde o Atlántico 2023’. Desde hoxe a cidade herculina convértese na capital universal da banda deseñada, con máis dun cento de propostas artísticas, que inclúen exposicións, sinaturas con autorías de referencia do sector, música, un ciclo de cinema de animación, obradoiros infantís e profesionais, visitas guiadas e mesas redondas, entre moitas máis iniciativas.

A alcaldesa, Inés Rey, tomou parte esta tarde no acto oficial de inauguración do ‘Viñetas desde o Atlántico 2023’, celebrado no exterior da Sala Municipal de Exposicións do Kiosco Alfonso. Rey, acompañada polo concelleiro da área de Fomento e Promoción da Cidade, subliñou que “o Viñetas é un proxecto de cidade, de carácter colectivo, e unha marca asociada á identidade da Coruña”.

Na súa intervención, a rexedora puxo en valor a proposta e obxectivos marcados para esta edición do Salón Internacional do Cómic da Coruña, “que procura dar voz e presenza ás mulleres do cómic, así como render homenaxe a figuras desaparecidas recentemente, como Ibáñez e Calpurnio. Traballouse, ademais, para abrir xanelas ao mundo da animación, conscientes do grande traballo que se está a realizar desde A Coruña, e tamén para aumentar a presenza do público infantil e familiar con accións participativas”.

Neste sentido, durante o acto celebrado esta tarde, cobrou protagonismo a figura da historietista barcelonesa Laura Pérez Vernetti, unha das pioneiras do cómic, que, ademais de participar na exposición colectiva do Kiosco Alfonso, tamén é a autora da mostra Vive la vida e outras poesías gráficas de Luis Alberto de Cuenca, aberta desde hoxe e até o vindeiro 10 de setembro na Casa Museo Picasso.

Axenda do martes 8, na segunda xornada do Viñetas desde o Atlántico

Na súa segunda xornada, Viñetas desde o Atlántico 2023 rende homenaxe as autoras pioneiras do cómic underground adulto en España. Este martes, 8 de agosto, Isa Feu, Marta Guerrero, Marika Vila, Elisa McCausland e Laura Pérez Vernetti -algunhas das máis relevantes firmas femininas da historia da banda deseñada española desde os 70 ata a actualidade- visitan A Coruña para ofrecer un paseo guiado pola súa exposición ¡Mujercitas del mundo entero, uníos!, no Kiosco Alfonso (cun dobre pase, ás 12.00 e ás 18.00h, acompañadas polos comisarios Raquel Jimeno, Alberto Medina e Guillermo Cobo) e participar nunha mesa redonda no Teatro Colón (ás 19.00h). Ambas actividades son de acceso libre ata completar a capacidade dos recintos.

O programa de Viñetas 2023 previsto para este martes, 8 de agosto, propón, ademais, sete exposición e dous talleres nas Bibliotecas Municipais da Coruña: na Biblioteca Durán Loriga, o obradoiro infantil As túas primeiras viñetas; e na Biblioteca de Estudos Locais, o obradoiro profesional express de novela gráfica, ambos organizadas da man de Coruña Gráfica. Por outra banda, no Palco da Música dos Xardíns de Méndez Núñez, desenvolveranse dúas actividades infantís: a Comicteca, de 11.30 a 13.30h; e o obradoiro Viñetas Lab, ás 18.00 e 19.00h. As autoras Isa Feu e Laura Pérez Vernetti asinarán exemplares no Kiosco Alfonso ás 12.00h, mentres que a quenda das sinaturas de Marta Guerrero, Marika Vila e Elisa McCausland terá lugar ás 18.00h, tamén no Kiosco Alfonso.

Na Rúa da BD, aberta de 11.00 a 14.00 e de 17.00 a 21.00h, asinarán as súas obras Inacio e Iván Suárez (Demo Editorial), Anémona de Río e José Malvárez Carleos (Anaya) e Javier Monja Potente e Frank Peñas Arias (T-Raptor Editorial).

 

SOBRE A EXPOSICIÓN ¡MUJERCITAS DEL MUNDO ENTERO, UNÍOS!

Nas décadas de 1970 e 1980, diversas autoras españolas de cómic adulto revolucionaron o medio ao reformular coas súas viñetas a representación feminina. Afastadas do idealismo imperante e fronte á invisibilización promovida polo contexto social e político do momento, estas historietistas -de procedencia, saberes e modos de facer dispares- instauraron un panorama de gran diversidade estilística e narrativa, con historias rebordantes de reivindicación feminista e denuncia sociopolítica, que cos anos darían paso a unha estética máis libre e experimental e a temáticas e inquietudes máis persoais. Elas son, entre outras, Núria Pompeia, Rosa Lleida, Sara Presutto, Montse Cravei, Isa Feu, Mariel Soria, Marika Vila, Marta Guerrero, Pilar Ferreiro Bendicho, Ana Juan, Mamen la del Cafó, Vitoria Martos, Ana Miralles, Roser Oduber e Laura Pérez Vernetti.

¡Mujercitas del mundo entero, uníos! Pioneras del cómic underground adulto busca contribuír á difusión de todas estas viñetistas que, co seu traballo, achandaron o camiño a autoras que hoxe poden lanzar as súas mensaxes abertamente e desde unha posición recoñecida. Trátase dun proxecto do Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía, comisariado por Alberto Medina, Raquel Jimeno e Guillermo Cobo.

En Viñetas desde o Atlántico, a exposición inclúe, tamén, un espazo de consulta no que están representadas autoras de cómic actual, como Flavita Banana, Nadia Hafid, Ana Penyas ou as galegas Begoña García-Alen, Enma Ríos, Roberta Vázquez e Xulia Vicente.

 

PROGRAMA ACTIVIDADES VIÑETAS 2023 MARTES 8 DE AGOSTO

10.30h. Biblioteca Durán Loriga - Obradoiro infantil As túas primeiras viñetas.

11.30h. Biblioteca de Estudos Locais - Obradoiro profesional express de novela gráfica.

11.30 a 13.30h. Palco da Música - Comicteca. 

12.00h. Kiosco Alfonso - Visita guiada pola exposición ¡Mujercitas del mundo, uníos! Pioneras del cómic underground adulto, a cargo das autoras e dos comisarios Raquel Jimeno, Alberto Medina e Guillermo Cobo.

12.00h. Kiosco Alfonso - Sinatura de Isa Feu e Laura Pérez Vernetti.

18.00h. Kiosco Alfonso - Visita guiada pola exposición‘¡Mujercitas del mundo, uníos! Pioneras del cómic underground adulto, a cargo das autoras e dos comisarios Raquel Jimeno, Alberto Medina e Guillermo Cobo.

18.00h. Kiosco Alfonso - Sinaturas de Marta Guerrero, Marika Vila e Elisa McCausland.

18.00h. Palco da Música - Obradoiro infantil Viñetas Lab. 

19.00h. Teatro Colón - Mesa redonda Pioneiras do cómic underground adulto.

19.00h. Palco da Música - Obradoiro infantil Viñetas Lab. 

 

Rúa da Banda Deseñada (aberta de 11.00 a 14.00h e 17.00 a 21.00h)

Sinaturas

18.30h. Inacio e Iván Suárez - Demo Editorial

20.00h. Anémona de Río e José Malvárez Carleos - Anaya

E, tamén: Javier Monja Potente e Frank Peñas Arias - T-Raptor Editorial

 

 

EXPOSICIÓNS VIÑETAS DESDE O ATLÁNTICO 2023

https://www.vinetasdesdeoatlantico.com/exposicions/

 

ACTIVIDADES VIÑETAS DESDE O ATLÁNTICO 2023

https://www.vinetasdesdeoatlantico.com/actividades/

Viñetas 2023 rende homenaxe as autoras pioneiras do cómic underground adulto en España na súa segunda xornada