Viñetas desde o Atlántico

Viñetas entra na súa terceira década da man dun grupo de creadores consolidados internacionalmente en paralelo ao Festival

O Salón Internacional do Cómic (6-12 de agosto) achegaranos os traballos máis recentes dos consagrados  Homs, Rubín, Munuera ou Emma Ríos, convidados noveis nas primeiras edicións do certame coruñés

Viñetas entra na súa terceira década da man dun grupo de creadores consolidados internacionalmente en paralelo ao Festival
Viñetas desde o Atlántico 2018
Viñetas desde o Atlántico 2018

Contará tamén con José Ramón Sánchez, o ilustrador que debuxou os carteis electorais do PSOE das primeiras eleccións municipais da democracia, co seu primeiro e moi sorprendente traballo de banda deseñada: unha adaptación de Moby Dick

 

  •  Xunto con Emma Ríos, están convocadas outras tres autoras de peso, Belén Ortega, Mamen Moreu e Cristina Durán; cada unha cun xeito de contar historias moi diferente e persoal
  •  Xosé Tomás e Tirso Cons completan o cadro galego da oferta de Viñetas desde o Atlántico 2018, que inclúe ademais entre os seus invitados a Ángel de la Calle, autor de Pinturas de Guerra, galardoada co premio á mellor obra no último Salón Internacional del Cómic de Barcelona
  •  O cartel é da autoría dun dos creadores presentes nesta vixésimo primeira edición do festival, José Luis  Munuera 

 

A Coruña, 4 de xullo de 2018. Viñetas estrea década. A terceira. E o fai confirmando a consolidación no panorama internacional dun grupo de creadores que transitaron polas primeiras edicións de Viñetas como autores noveis. “É o caso de Emma Ríos ou David  Rubín, nomeados en reiteradas ocasións aos premios Eisner, e tamén de Homs ou  Munuera, hoxe indiscutiblemente consagrados”, explica  Miguelanxo Prado, director do Salón. “A todos eles, que teñen hoxe un lugar específico no mercado internacional, vímoslles medrar desde aquelas primeiras historias ata as máis recentes, cuxos orixinais se expoñerán nesta vixésimo primeira edición do Festival”.

 

O XXI Salón Internacional do Cómic Viñetas desde o Atlántico, impulsado pola Concellería de Culturas do Concello da Coruña, contará tamén con outro importante convidado, o ilustrador José Ramón Sánchez. Trátase dun protagonista da memoria colectiva das xeracións que viviron a transición: o autor daqueles coloristas carteis electorais cos que o PSOE concorreu ás primeiras eleccións municipais  democráticas. “Sánchez, Premio Nacional de Ilustración 2014, permítenos investir a ecuación; mirar alén do espello respecto ao caso dos autores que creceron en paralelo a Viñetas”, explica Miguelanxo Prado. “Estamos ante un caso singular; o dun ilustrador referente para decenas de profesionais ao longo das últimas décadas que, aos seus oitenta anos, descobre a linguaxe da banda deseñada e nos sorprende cunha adaptación de Moby Dick que é unha peza excepcional”.

Creadoras con modos narrativos moi persoais

 

Tres creadoras achegan ao festival visións moi persoais no campo narrativo. Cristina Durán, que xunto con Miguel  Ángel Giner, é a autora de Una posibilidad entre mil, Cuando no sabes qué decir ou El día 3, un cómic eminentemente social. Belén Ortega (Pájaro Indiano), que tomou o relevo de Homs e debuxa o  éxito literario Millenium, para o mercado francés. E Mamen Moreu, autora de Enjambre, Todas putas, los cuentos gráficos, Resaca ou Desastre.

 

 Outro dos invitados a Viñetas 2018 es  Ángel de la Calle, autor recentemente premiado no último Salón del Cómic de Barcelona pola súa obra Pinturas de Guerra. De la Calle xa sorprendera con Modotti, una mujer del siglo XX, publicada en multitude de países e premio á Melhor surpresa editorial no Brasil en 2006; hoxe en día considerada unha das novelas gráficas de referencia da moderna historieta española.

 

 

O “Shi” de Homs e o “Zorglub” de Munuera

 

Homs, cuxos orixinais de La anciana que nunca jugó al tenis e mais El ángelus xa estiveron presentes en anteriores edicións de Viñetas, volve ao Salón para mostrar as súas últimas creacións. Trátase de Millenium, unha adaptación da triloxía do sueco Stieg Larsson con guión de  Sylvain  Runberg, e Shi, a impactante obra ambientada na Exposición Universal de Londres de 1851, con guión de Zidrou, na que Homs narra a historia da amizade de dúas mulleres de distinta nacionalidade. Munuera, pola súa banda, o autor do cartel deste Viñetas 2018, trae a Coruña as súas máis recentes publicacións, Los  Campbell e Zorglub.

 

Xunto con Emma Ríos (Hexed, Capitán  Marvel, Anhelando volar, Bella Muerte, Mirror)  e David  Rubín (La tetería del oso malayo, El héroe, Black  Hammer 2, Sherlock  Frankenstein y la legión del mal),  completan o cadro de creadores galegos Xosé Tomás (Rodribico, Nómades, Animalia) e Tirso Cons (El ojo del diablo, A mansión dos  murmuios, Trackers).

 

 Tal e como é costume, esta edición expoñeranse ademais os orixinais do último premio Castelao de Banda Deseñada, editado pola Deputación da Coruña. Trátase de O corpo de Cristo, da autora Beatriz Lema Rivera. No trascurso de Viñetas, darase a coñecer ademais o autor galardoado co Castelao deste 2018. Na mesma sala na que colgará o Castelao (Salvador de Madariaga) haberá outra mostra adicada ao comic independente en Galicia, comisariada por Rubén Romero. Pola súa parte, a escaleira da Torre de Hércules servirá de excepcional lenzo no que colgará a colección de carteis das vinte edicións previas do Salón Internacional do Cómic da Coruña.

 

Ademáis das exposicións e os encontros cos autores convidados, completan a oferta do festival as figuras do cómic que toman nestes días a cidade, os obradoiros, presentacións editoriais e actividades que terán lugar na carpa ubicada nos Xardíns de Méndez Núñez, e a tradicional Feira da Historieta. Viñetas 2018 levanta o pano o luns 6 de agosto e transformará a urbe nun escenario de cómic ata o domingo 12. As exposicións, como tamén ven sendo habitual, continuarán abertas ao público varias semanas mais, nesta ocasión ata o nove de setembro. 

 

Premio dos escritores, editores e libreiros galegos,á mellor iniciativa cultural

Viñetas desde o Atlántico foi escollido recentemente para o Premio á mellor Iniciativa cultural ou Fomento da Lectura, otourgado pola Asociación de Escritores e Escritoras en Língua Galega, a Asociación Galega de Editoras e a Federación de Librarías de Galicia. Na decisión do xurado deste galardón, dada a coñecer na última gala do Libro Galego celebrada en maio en Compostela, destacouse “o tesón na traxectoria de mais de vinte anos desta iniciativa, contribuíndo a popularizar a banda deseñada e conectala coa cultura do país”.

 

Viñetas entra na súa terceira década da man dun grupo de creadores consolidados internacionalmente en paralelo ao Festival