Viñetas desde o Atlántico
Viñetas pecha a súa XXII edición demostrando unha vez máis que se trata dun formato de festival único e exitoso
A Coruña, 12 de agosto de 2019.- O desenvolvemento da XXII edición de Viñetas desde o Atlántico puxo unha vez máis de manifesto a fórmula de éxito desta cita co mundo do Cómic, que se celebra cada verán na cidade da Coruña, organizado polo Concello e dentro da oferta das Festas de María Pita. “Ano tras ano temos confirmado que o modelo escollido é único entre todos os festivais do sector. Autores e profesionais transmítennos que os parámetros polos que nos decantamos desde o principio funcionan”, sinala o director de Viñetas, Miguelanxo Prado, en referencia á aposta que fixo o Salón coruñés, desde o primeiro momento, por atender tanto aos intereses dos entendidos como do público xeral.
As actividades e a presenza de autores convidados de Viñetas 2019 remataron onte domingo, aínda que, como en edicións anteriores, as exposicións permanecerán abertas ao público varias semanas máis. Este ano poderán visitarse ata o próximo 8 de setembro.
O director do Salón do Cómic coruñés considera necesario manter o formato de Viñetas ao longo deste tempo. “Un festival que se financia con cartos públicos, aínda que debe satisfacer aos afeccionados e entendidos, non pode perder de vista o que o fixo ser o que é, un festival amable para todos, mesmo para os que na súa vida consumiron Banda Deseñada e que vemos con satisfacción percorrendo todos os anos ás nosas exposicións; esa é unha aposta irrenunciable”, sinala Miguelanxo Prado. “Mentres este equipo siga á fronte, Viñetas non será xamais unha proposta sectorial, aspirará sempre a esa globalidade”, recalca o director, unha premisa que non exclúe, como aconteceu na edición deste ano, “mirar cara a autores e obras que non son best-seller e non están en primeira liña”.
Prado resalta tamén a reputación que ten acadado ao longo destes 22 anos Viñetas desde o Atlántico. “Cónstanos, a través das redes sociais e do boca a boca dos convidados, que a reputación do evento non pode ser mellor”. Un exemplo diso, sinala, “é que hai moitos autores e autoras que non se prodigan en festivais, pero que non teñen ningún problema en vir a Viñetas e ceder orixinais para exposicións tan longas no tempo, algo pouco normal no mundo do Cómic”.
Outra mostra do prestixio e o interese que suscita Viñetas desde o Atlántico, engade o director, é a constatación, edición tras edición, especialmente este ano, de que entre o numeroso público que visita o festival non só hai persoas de todas partes de España, senón tamén doutros países europeos e mesmo do outro lado do Atlántico. “Non é nada raro que moitos afeccionados programen as súas vacacións para facelas coincidir con Viñetas”.