Mañá, de 12 a 14 horas (Kiosco Alfonso e tamén na sala Palexco), derradeira oportunidade de afacerse cunha sinatura dos convidados e convidadas

Viñetas remata a súa semana grande da man do gañador de catro premios Eisner, Eduardo Risso, e mais o coñecido “superheroe” Cameron Stewart

  • As charlas de ambos os dous autores terán lugar na Afundación, a partir das seis e media da tarde (Cameron Stewart) e das 19.45 horas (Eduardo Risso)
  • Na Rúa da BD asinarán tamén orixinais 3Pintamonas (13 h), Fonso Barreiro (18 h) e Antonio Seijas (18.30 h), mentres que Kiko da Silva presentará a súa nova obra (12 h)
Viñetas remata a súa semana grande da man do gañador de catro premios Eisner, Eduardo Risso, e mais o coñecido “superheroe” Cameron Stewart
Eduardo Risso 01
Viñetas de Eduardo Risso

Viñetas remata mañá sábado, día 12, a semana grande da súa vixésima edición cun par de ases na manga: as charlas de dous figuras indiscutibles da novena arte. A sala de conferencias d´Afundación acollerá, a partir das 18.30 horas, unha conversa informal con Cameron Stewart, o mundialmente coñecido autor de superheroes. Por se fose pouco, ao redor das 19.45 horas tomará o relevo de Stewart o arxentino Eduardo Risso, considerado un dos mellores autores de banda deseñada que existen hoxe en día, e galardoado con nada menos que catro premios Eisner, os Óscar da historieta, pola súa 100 balas.

Certo que a última xornada do festival coruñés con axenda de actividades paralelas non queda aí. A mañá do sábado vén cargada de convocatorias. Na Rúa da BD, por exemplo, terá lugar a mediodía a presentación da nova obra de Kiko da Silva Curso de Cómic Fiz, publicada por Dibbuks. Unha hora despois, tamén na Rúa da BD, asinarán exemplares dos seus traballos os 3Pintamonas, isto é, Tirso Cons, Antonio Martínez Ron e David Cuence. Xa ás 18,30 horas, fará o propio o autor Antonio Seijas.

As firmas dos 3Pintamonas coincidirán coa segunda e derradeira sesión de sinaturas programada este 2017 polo Salón Internacional que, como é sabido, organiza cada ano a Concellaría de Culturas, Deportes e Coñecemento do Concello coruñés. Tal e como sucede na tarde de hoxe, as firmas de orixinais e catálogos faranse simultaneamente en dúas sedes do festival, o propio Kiosco Alfonso e mais a Sala Municipal de Exposicións de Palexco. Prolongaranse entre as 12 e as 14 horas. Os obradoiros das Bibliotecas Municipais despídense tamén este sábado da Rúa da BD (con tres últimas quendas, ás 18 horas, 19 horas e 20 horas).

Aínda que Risso e mais Stewart poñen o punto final á semana grande de Viñetas, o Salón Internacional do Cómic da Coruña prolongarase un mes máis. Tal e como adoita, o festival manterá abertas todas as súas exposicións unha vez rematen este domingo todas as actividades paralelas. O peche definitivo da vixésima edición será o día 11 de setembro.

Eduardo Risso

Gañador de catro Premios Eisner, foi o elixido para resucitar a Torpedo xunto ao creador da personaxe, o guionista Enrique Sánchez AbulíTorpedo 1972: a propósito del Mar Muerto, retrotrae á convulsa Nova York dos anos 70 para devolvernos a todo un mito da novena arte, o asasino a soldo Luca Torelli.

De formación autodidacta, en 1981 Risso adaptou ao cómic a película Firefox (Clint Eastwood, 1982). A partir de 1987, creou xunto a Ricardo BarreiroParque Chas e Caín. A mediados dos 90, Dark Horse Comic asígnalle Alien: Resurrección (1997) e mais Alien: Wraith (1998). Impresionado, o editor Axel Alonso requiriu os seus servizos para debuxar unha serie limitada titulada Jonny Double, escrita polo guionista Brian Azzarello. O entendemento entreAzzarello e Risso foi tal que pronto acometeron un novo proxecto, hoxe un clásico do selo Vértigo e do xénero negro: 100 Balas, co que Risso gañou ata catro Premios Eisner.

Tras Lobezno: Logan (2008), escrita por Brian K. Vaughan, volveu coincidir con Azzarello en Spaceman (2011), 100 Balas: Hermano Lono –spin-off da mítica serie-, e mais Moonshine. Tamén participou en proxectos do calado de Antes de Watchmen e Caballero Oscuro III: La raza superior; e debuxou a novela gráfica Noche Oscura: Una historia verídica de Batman (ECC), que relata un episodio autobiográfico do guionista Paul Dini.

Cameron Stewart

Representa os debuxantes de superheroes máis recoñecidos do planeta. Participou na recreación e modernización do personaxe Batgirl para DC e destaca, na súa faceta como autor independente, por títulos coma El Club de la Lucha 2 ou Sin Título. Levan a súa pegada Scooby Doo, Superman Adventures e Os Invisibles.

De formación autodidacta e influencias moi variadas, durante un tempo Stewart compartiu estudo co seu compatriota Darwyn Cooke, realizando story-boards para a serie de animación Men in black. A súa irrupción na industria do cómic americano forxouse durante a asistencia á San Diego Comic Con, igual que lle pasou, no seu día, ao propio Risso. O paso de Stewart pola serie regular Catwoman resultou especialmente relevante, por conferirlle unha maior visibilidade, primeiro como entintador, e posteriormente, como portadista e debuxante.

A partir de 2003, intensificou a súa colaboración con Grant Morrison, debuxando proxectos como Seaguy ou 7 Soldados de la Vitoria (ECC). Tamén traballou con Ray Fawkes en Apocalipstix, e xunto a Jason Aaron en El otro bando, nomeada aos Premios Eisner 2007 na categoría de mellor miniserie. Prolífico e inquedo, reservou tempo para proxectos persoais como Sin Título (Astiberri), que lle fixo levar o Premio Shuster 2009 ao mellor creador de web-cómics e mais o Premio Eisner 2010 ao mellor cómic dixital. É un thriller que combina xénero negro e misterio, que finalmente foi publicado en versión impresa.

Stewart formou ademais equipo creativo con Karl Kerschl en diferentes novelas gráficas baseadas na franquicia de videoxogos Assassin’s Creed: The Fall, The Chain e Brahman (Panini Cómics). En 2014, afrontou o relanzamento de Batgirl (ECC) xunto a Brenden Fletcher Babs Tarr, dando forma a un novo deseño e a un cambio de enfoque que converteron a serie nunha das grandes revelacións de DC Comics. Repetiron colaboración nun proxecto persoal de ciencia ficción publicado por Image Comics: Motor Crush.

 

Entre os proxectos recentes de Stewart tamén ocupa un lugar moi destacado El club de la lucha (Reservoir Books), secuela en forma de cómic da novela de culto tamén escrita por Chuck Palahniuk.

Viñetas remata a súa semana grande da man do gañador de catro premios Eisner, Eduardo Risso, e mais o coñecido “superheroe” Cameron Stewart