Música
Xurxo Fernandes publicará esta primavera Levaino!, un suxerente traballo discográfico no que conflúen a creación popular galega e o exotismo oriental
O músico coruñés, creador de Radio Cos ou Jako el Muzikante, aúna por vez primeira nun único álbum a súa vertente investigadora e interpretativa para presentar un traballo exquisito e repleto de virtuosidade no que explora a conexión existente entre a tradición oral de Galicia co Mediterráneo oriental
A Coruña, 3 de marzo de 2021.- O creador e artista coruñés Xurxo Fernandes publicará na primavera Levaino!, un novo e sorprendente álbum no que o creador aúna, por vez primeira, as principais vertentes da súa traxectoria creativa nun único traballo discográfico. Por unha banda, a do recoñecido etnógrafo da música de tradición oral galega, da que beben proxectos artísticos como Radio Cos. Pola outra, a do entusiasta intérprete da música urbana dos xudeus do Imperio Otomano, eixe vertebrador do seu sorprendente Jako el Muzikante.
Con Levaino!, Xurxo Fernandes achega unha visión única sobre as músicas de raíz e de creación colectiva, na que os sons máis arcaicos dunha Galicia primitiva se misturan co exotismo oriental. Para o creador responde á propia natureza da tradición oral galega. “En Galicia temos un fondo vínculo, moi emocional, co mundo celta a través da gaita, pero a nosa tradición oral está desconectada do seu entorno natural. Contra o que semella, este non é norte, senón o Mediterráneo. Poder traballar con músicas de creación colectiva, enmarcadas nun mundo desaparecido de transmisión oral, ofrece a posibilidade de atoparse cunha esencia que a propia mecánica da tradición destilou”, sinala Fernandes.
Deste xeito, Levaino! preséntase como un revelador xogo de espellos no se funden os dous Xurxos e no que Galicia e o Mediterráneo oriental se reflicten a través da tradición popular. O álbum presenta doce temas recollidos polo propio artista en Coristanco, Samakov, A Mezquita, Salihli, Tordoia, Larache ou Tel Aviv. Con eles, Levaino! percorre unha ducia de paisaxes sonoras pouco coñecidas que explicitan e manifestan os vínculos entre ambas culturas e tradicións orais. Sonoridades que, se cabe, resultan moito máis próximas do que semellan.
Levaino! trátase dunha proposta exquisita, dotada dunha sonoridade peculiar e repleta de virtuosidade que Xurxo Fernandes completa cunha voz cálida, potente e chea de matices e expresividade. Tanto no disco coma no directo, o autor acompáñase dunha banda que leva ao público a participar dunha suxerente viaxe de autorrecoñecemento entre Galicia e o mundo oriental. Da man de Pedro Lamas, Rubén Montes, Rafa Morales e Roberto Comesaña, Fernandes propón un universo sonoro vibrante que se nutre tamén da enerxía, voces e pandeiretas de Pandeireteiras sen Fronteiros.
Xurxo Fernandes
Creador e artista coruñés cunha extensa traxectoria no ámbito da etnografía e das músicas de raíz. Como intérprete é unha das voces máis singulares do panorama actual, capaz de innovar minuciosamente desde a tradición grazas ao seu vasto coñecemento da creación popular colectiva que desenvolve desde mozo.
Xurxo Fernandes fórmase desde moi novo en baile e canto tradicional tanto de xeito autodidacta como a través do contacto con fontes da sabedoría popular. A súa curiosidade leva ao creador a iniciar, en 1994, unha investigación e recollida polas aldeas de Galicia que mantén ao longo de máis de dúas décadas. Este traballo de campo, a través de conversas e enquisas, outorgan ao artista unha fonda cosmovisión da tradición oral galega.
De xeito paralelo, imparte aulas de canto e de baile tradicional, especialízase en Música Tradicional Galega pola Universidade de Santiago de Compostela e achégase ás sonoridades propias das comunidades sefardís espalladas por cidades como Estambul, Esmirna, Sofía, Plovdiv e Samakov, Atenas, Tesalónica ou Xerusalén.
Como músico e intérprete, crea e forma parte de Radio Cos, proxecto musical co que publica dous discos -Sete cuncas (2013) e Pasasatempo (2017)-. Coa banda, Fernandes ofrece concertos en escenarios de Reino Unido, Francia, República Checa, Polonia ou Malasia, entre outros países. Nesta última década Xurxo Fernandes dirixe outro proxecto musical colectivo, Pandeireteiras sen Fronteiros (Pan Sen Fron), unha proposta nada na Coruña coa finalidade de expandir e irmandar os ritmos e as percusións galegas coas tradicións e sonoridades tradicionais de países como Romanía, India, Marrocos ou Italia, entre outros destinos. Tamén no 2019, desta quenda acompañado por Pedro Lamas, o dúo lanza un EP nomeado Altalaplana, no que achegan a súa versión de pezas tradicionais.
Mais no ámbito internacional Xurxo Fernandes é recoñecido polo seu sorprendente proxecto Jako el Muzikante, que rescata o ambiente dos cafés amán propios dos anos vinte do século XX. Espazos nos que gregos, turcos, armenios e sefardís descendentes dos xudeus expulsados de España no 1429 se reúnen de xeito clandestino para cantar.
Neste 2021 o artista aúna nun novo traballo as principais vertentes da súa creación. Por unha banda, a face do cantante e instrumentista tradicional e, por outra, a do experimentador e investigador das músicas orientais ou mediterráneas. A procura desta conexión única, cunha sonoridade peculiar, é Levaino!