Axenda cultural
Zonas escuras na fraternidade dos homes e do mar
Cineuropa proxecta este venres un documental que fala da vida dos percebeiros despois do “Prestige”
Entre a onda e a rocha é un documental de 89 minutos que dá conta da vida dos percebeiros de Muxía durante unhas semanas do outono de 2015, antes da campaña de Nadal. O Cineuropa programará este filme, que rematou a postprodución o pasado verán, o venres en Compostela. E quince anos despois do Prestige, a película de Manuel Logar, un debutante, pasarase tamén en Muxía. Será este mesmo domingo en horario inda por confirmar.
Manuel Logar é un coruñés de 24 anos que estudou cine na ESCAC de Barcelona e presentou como proxecto de fin de grao Entre a onda e a rocha. Conta que ía na procura dunha historia que representase a loita do home diante da natureza. Leou a Muxía un equipo de seis persoas, entrevistou a unha decena de percebeiros e a máis xente da localidade. Ía mirar o mar e escoitar á xente. E topouse con cousas inesperadas.
“Para empezar, a paisaxe”, di, “para un mozo de cidade ese mar e esa costa ao lado da casa… foi unha sorpresa, foi impresionante”. O seguinte foi que a loita máis dura non se libraba entre o home e o mar, senón entre os homes. “Topámonos con que as principais dificultades do traballo viñan dos problemas, digamos, internos. Que había percebeiros que collían de máis e que ao final todos remataron por facer o mesmo”, explica Manuel.
Muxía converteuse nunha personaxe do documental. E as relacións sociais, nunha metáfora das relacións co medio ambiente. “Todos, en calquera parte, tendemos a xustificarnos da mesma forma: se os demais non fan nada ou fano mal, por que vou facer eu outra cousa?”. O furtivismo, explica Logar, era un problema naqueles días. E tiña que ver cun “cambio de mentalidade” que o cineasta vincula ao Prestige, aos efectos que causaron o obrigado parón no traballo e as subvencións compensatorias na forma de afrontar o futuro. “Cando remataron as axudas públicas, xusto cando empezaba a crise, algúns quixeron manter as ganancias e certo nivel de vida a base de esquilmar os recursos. Pode que aí empezara o problema”, di Logar.
Porén, o autor recoñece que no filme as relacións humanas tecen lazos máis fortes e que o traballo, o perigo do combate no mar contra a natureza, esixe cooperación e unidade. “Na película, os problemas quedan como zonas escuras porque finalmente os percebeiros son un, e acabarán por solucionar os seus problemas porque están afeitos a ser un, sobrevivirán por iso”.
Entre a onda e a rocha xa fixo parte da programación do último festival de cine de Ourense e na Seminci de Valladolid, entre outras.
«Entre a onda e a rocha»
- Manuel Logar, director e editor
- Produción: ESCAC Barcelona e Schonwald & Logar
- Ano: 2017
- Pase no CINEUROPA: venres, 17 ás 17:30 horas na Sala NUMAX, R/ Concepción Arenal, 9 baixo, Santiago de Compostela