Erguer | nota de prensa

Campaña de inicio de curso - Novo curso, novas regras

"Coa volta ás aulas, volta á mobilización.

A organización estudantil Erguer lanza unha campaña de inicio de curso que busca un achegamento das estudantes aos seus dereitos máis básicos. Ademais, fan fincapé na organización e toma de conciencia das estudantes como “única forma de facer fronte aos ataques que estamos sufrindo”.

Campaña de inicio de curso - Novo curso, novas regras
RoldaPrensaNovoCurso
RoldaPrensaNovoCurso

Os dereitos básicos: os grandes descoñecidos.

Deste xeito, o sindicato promoverá asembleas nos centros de ensino do País nas que buscará un mellor coñecemento das estudantes dos seus dereitos, e o funcionamento dos centros – “non existe ensino democrático se as estudantes descoñecemos que determina a nosa formación e somos un axente pasivo nos nosos centros”. Outro foco de traballo será a solución de problemáticas concretas de cada centro. “Tanto se se trata de vulneracións do noso dereito á folga, como comentarios machistas nas aulas ou goteiras: o noso traballo é estar aí para defendernos entre as estudantes.”

Un novo curso, unhas novas regras. – lema da campaña.

“A COVID-19 cambiou a nosa forma de relacionarnos. A xestión da pandemia no ensino foi caótica, improvisada e ineficiente. A falta de medios e anos de recortes na Escola Pública deixaron a organización extraordinaria e toma de medidas para garantir a impartición das aulas en mans do profesorado e familias, que supliron a pésima xestión do Partido Popular. Tamén na Universidade, onde as medidas e compromisos por parte das reitorías foron insuficientes, deixando de lado os dereitos das estudantes a unha avaliación e formación dignas.” – indican desde a organización.

Así, fechan a campaña baixo o seguinte lema: “Agora comezamos un novo curso, mais non esquecemos: o ensino público deféndese.”

Analizan que os acontecimentos que marcan este inicio de curso son indicativos de que non existirá unha melloría. Con 404 docentes menos que o curso anterior, o aumento das ratio “deixa á Pública nunha situación límite. Non estamos sós: partillamos esta loita co profesorado e ANPAS, tamén organizados. Agora as estudantes temos que dar un paso adiante.”

Finalmente, recalcan a necesidade de achegar novas dinámicas ás estudantes, “fuxindo da apatía e indiferenza”. E móstranse abertas ao contacto anónimo para o achegamento de problemas, xa sexa nas súas redes sociais como mediante un formulario on-line ao que se pode acceder escaneando un código QR presente nas voandeiras e cartaces que distribuirán por todo o País.

Campaña de inicio de curso - Novo curso, novas regras