Ofrecerá ferramentas á veciñanza para organizar e xestionar entidades ou proxectos
O Concello abre o prazo de inscrición do programa formativo 'A Voltas'
Claudia Delso lembra que a proposta, composta por seis obradoiros gratuítos que terán lugar entre o 20 de novembro e o 1 de decembro, forma parte do compromiso do goberno local “por apoiar o desenvolvemento e fortalecemento de iniciativas cidadás”
Concello da Coruña | 13/11/2017
A Concellería de Participación e Innovación Democrática presentou esta mañá a programación da terceira edición do programa formativo A Voltas, unha iniciativa impulsada polo Centro Municipal de Información Xuvenil, CMIX, e que se dirixe a entidades ou colectivos non formais da cidade, "co obxectivo de proporcionar ferramentas á cidadanía para organizar e xestionar asociacións e proxectos", segundo sinalou a edil Claudia Delso. En total serán seis os obradoiros que se desenvolverán desde o vindeiro luns, 20 de novembro, até o venres 1 de decembro, e que abranguen ámbitos como as diferentes formas xurídicas que pode adoptar unha entidade, até cuestións básicas de fiscalidade. "Desde o goberno local queremos apoiar o desenvolvemento de iniciativas cidadás, e para iso ofrecemos un programa gratuíto de accións formativas que nace para dar resposta ás dubidas máis recorrentes que recibimos no CMIX e que teñen que ver coa xestión e organización de proxectos", explicou a concelleira na presentación. "O Centro Municipal de Información Xuvenil recibe diariamente consultas de persoas pertencentes a entidades, asociacións da cidade ou que teñen ideas e proxectos e que non saben como poñer a andar, en relación á constitución de asociacións, xestión orzamentaria ou comunicación. Con esta nova edición de A Voltas agardamos seguir fortalecendo ao tecido social da cidade", incidiu a responsable municipal.
O primeiro obradoiro, De persoa física a persoa xurídica. Cal é o mellor modelo para levar a cabo un proxecto social?, terá lugar o 20 de novembro e servirá como punto de partida para explicar as diferentes posibilidades de forma xurídica e cales son os modelos, dereitos e obrigas de cada un. De seguido, o mércores 22, analizarase a comunicación externa e interna que se pode realizar nas entidades, e inclúe formación sobre redes sociais, dereitos de imaxe, protección de datos, web ou relación coa prensa. O venres 24, o Curso básico de xestión orzamentaria achegará nocións sobre modelos de xestión, previsión e elaboración de orzamentos, así como a avaliación dun suposto práctico.
Na semana seguinte, o luns 27 abordarase a Creación de proxectos, en relación ás competencias e instrumentos, recursos humanos e xestión económica da iniciativa. O mércores 29, Como poñer en marcha un proxecto social autoxestionado porá sobre a mesa a elección da figura xurídica, obxectivos, reparto de traballos e responsabilidades ou financiamento da iniciativa. Finalmente o venres 1 de decembro realizarase un Curso básico de fiscalidade, na que se tratarán cuestións como o marco fiscal, as obrigas informativas, operacións con terceiros ou imposto sobre sociedades.
Todos os obradoiros, que son gratuítos e se realizarán en horario de tarde --a partires das 17.00 horas-- contan cun límite de 20 prazas. Esgotadas estas, abrirase unha lista de espera para cada acción formativa. O prazo de inscrición para participar no programa formativo A Voltas, que se desenvolverá nas instalacións do Fórum Metropolitano, xa está aberto, e pódese realizar a través da páxina web municipal do CMIX, www.coruna.gal/cmix. Cada persoa poderá formalizar a súa inscrición até un máximo de 2 talleres. Para máis información, pódese contactar co propio CMIX no Fórum, a través do teléfono 981.184.294, ou do correo electrónico [email protected].