Axenda Social

Segundo encontro "Co urbanismo nos talóns"

O próximo sábado 16 de decembro, a partir das 17:00h no Centro Cívico Eirís (rúa Terranova de Eirís Nº7) desenvolverase o segundo dos encontros formulados no proxecto Co urbanismo nos talóns, unha iniciativa enmarcada no Co-Lab, o Laboratorio Cidadán da Coruña, que busca impulsar unha comunidade de aprendizaxe arredor dos territorios habitados da cidade que o urbanismo vixente propón transformar.

 

Segundo encontro "Co urbanismo nos talóns"
Co urbanismo nos talóns 2
Cartaz do segundo encontro

Os dous encontros formulados enténdense como xornadas de recoñecemento, información e traballo colectivo. O seu obxectivo principal é que as veciñanzas afectadas pola presión urbanística do PXOM (é dicir, aquelas que nalgún momento poderían ser desprazadas dos seus lugares de residencia por habitar en edificacións que o planeamento vixente contempla eliminar ou transformar radicalmente) poidan ter a oportunidade de recoñecerse como comunidade e, a partir de aí, dar lugar a espazos onde esta comunidade poida compartir tempo e información con outras organizacións sociais con experiencias similares, con persoas expertas e con coñecementos técnicos de interese, así como con representantes das áreas do Concello interpeladas pola súa problemática. 

Tras os tres roteiros (San Xosé - O Portiño, O Martinete - Agra dos Mallos e A Pasaxe - A Canteira de Eirís) e a primeira xornada de encontro (C.C. A Silva) desenvolvidos nos últimos meses, este segundo encontro (último dentro do marco do Co-Lab) será un tempo compartido para seguir intercambiando coñecementos, mais tamén para debater se é desexable dar continuidade á comunidade de apredizaxe e comezar a imaxinar como facer fronte colectivamente aos problemas de presión urbanística xerados polos sucesivos plans xerais da Coruña e leis do solo galegas e españolas. 

Este segundo encontro, que está aberto a calquera persoa directamente afectada polo PXOM ou simplemente interesada no urbanismo ou na cidade, constará das seguintes partes: 

Exposición do estado do proxecto e introdución ao encontro:

Exposición dos avances do proxecto Co urbanismo nos talóns e introdución á documentación que se devolverá finalmente á cidadanía, que conterá unha síntese dos aspectos prácticos que poidan ser de máis interese para as veciñanzas afectadas (datos e cartografías básicas, información e recursos legais, conclusións dos roteiros e das xornadas de encontro, posibles vías de traballo, etc.).

Achegas dos saberes populares:

Presentacións das experiencias de dez organizacións sociais que se están a enfrontar na actualidade, ou que o fixeron no pasado recente, a algún tipo de política, proceso ou operación urbanística na Coruña metropolitana. Dez micro-presentacións nas que se sintetizarán estas experiencias desde unha perspectiva totalmente práctica, é dicir, centrada nas ferramentas que en cada caso se empregaron para se relacionar co urbanismo.

Non se trata así dun relato que dea conta da historia de cada un destes procesos (que será introducida desde a organización), senón da descrición e avaliación dos instrumentos empregados na relación co urbanismo e cos axentes públicos e privados que o desenvolven: desde a recollida de sinaturas, a pegada de carteis ou as manifestacións, ata as notas de prensa, as vías legais, a persuasión de partidos políticos locais ou calquera outro tipo de accións propositivas ou de resistencia levadas a cabo. As organizacións invitadas coa súa presenza confirmada son:

  • - Arquitectura Sen Fronteiras Galicia
  • - Comisión Aberta en Defensa do Común
  • - Elviña Non Se Vende
  • - Mobilizacións anticarbón das veciñanzas dos Castros
  • - Mobilizacións contra o "Proxecto Bofill"
  • - Proxecto Cárcere
  • - Salvemos Bens
  • - Santa Cruz aberta ao mar
  • - Stop Desafiuzamentos A Coruña

- Achegas dos saberes institucionais:

Rolda de micro-intervencións das persoas representantes das seis concellarías invitadas pola súa relación co problema da presión urbanística, co obxectivo de que se poidan situar as súas ideas e dar a coñecer un posicionamento inicial do Concello da Coruña ao respecto. As concellerías invitadas son:

  • - Rexeneración Urbana e Dereito á Vivenda
  • - Xustiza Social e Coidados
  • - Culturas, Deporte e Coñecemento
  • - Igualdade e Diversidade
  • - Medio Ambiente
  • - Participación e Innovación Democrática

Debate colectivo sobre a continuidade da comunidade:

Finalmente, a xornada rematará cun debate aberto sobre a necesidade ou non de continuar o traballo iniciado, xa desde a autonomía da comunidade de aprendizaxe arredor das veciñanzas afectadas pola presión urbanística na Coruña.

Co urbanismo nos talóns é un proxecto desenvolvido nesta fase inicial por Ergosfera dentro do programa de proxectos de innovación social para 2017 do Co-Lab, o Laboratorio Cidadán da Coruña impulsado pola Concellería de Participación e Innovación Democrática do Concello da Coruña.

Segundo encontro "Co urbanismo nos talóns"