Libros
Presentación do libro "FANZINES EN GALIZA" que retrata a intensa historia da autoedición galega
A Coruña, 24 de febreiro de 2024 - Os fanzines, publicacións autoeditadas, foron unha parte fundamental dos movementos culturais, sociais e políticos que se desenvolveron en Galiza ao longo dos últimos corenta anos. Este libro, o primeiro integramente en galego sobre esta temática, recolle unha ampla variedade de propostas procedentes de toda a xeografía galega.
O autor, Ramón Mariño Fernández, natural de Xove, é licenciado en Xornalismo pola USC e doutorado en Ciencias Políticas na mesma universidade. A súa tese de doutoramento, dirixida polos profesores Luis Álvarez Pousa e Xosé Luis Barreiros Rivas, serviu como base e impulso para a creación desta obra única.
A presentación do libro será unha oportunidade para explorar e reflexionar sobre o rico patrimonio dos fanzines galegos, que non só desempeñaron un papel importante nos movementos xuvenís das décadas pasadas, senón que tamén influíron nos campos da música, arte gráfica e cómic, contribuíndo así á diversidade cultural en Galiza. O evento contará coa presenza do autor e será un encontro aberto á participación do público.