Falamos con Fuco Paz, premiado no certame “As letras nos Mallos”

“Quixera reivindicar unha semana de Letras Galegas no barrio”

Quén é Fuco Paz Souto?

Son profesor de lingua e literatura galega, veño de cumprir 61 anos e nacín na Coruña, no barrio de Monelos. Actualmente, vivo no barrio dos Mallos, na rúa de Ramón Menéndez Pidal.

“Quixera reivindicar unha semana de Letras Galegas no barrio”
Fuco-1-(1)
Fuco Paz Souto

Fuente: Distrito Mallos

Fuco: o teu traballo foi premiado co terceiro premio no certame literario creado por esta Asociación (“As letras nos Mallos”). Contento por esta distinción?

Por suposto. Desagradecido sería –pola miña parte-, non valorar un premio que se concede despois que un xurado avalía un bo feixe de poemiñas, e conclúe que o meu é merecente de premio.

Que te motivou a participar neste evento?

Motivoume o feito de construír, con non máis de 140 caracteres, un poema que puidese comunicar emocións e, asemade, lembrar e homenaxear a figura de Manuel María.
Escribes por “pracer”,  ou é un reto para ti chegar a publicar con regularidade, poesía?

Escribo por pracer porque creo na palabra, tanto escrita coma oral, como medio de comunicación, e considero a poesía como unha ferramenta moi potente para chegar á xente a través das diferentes manifestacións poéticas: lírica, reivindicativa, intimista, social…E publicar poesía, si pode supor un reto, si.

Que proxectos tes no mundo da poesía?

Teño en mente –e tamén xa en papel-, uns cantos poemas para darlles vida en forma de libro. De momento é un bosquexo, porque teño que seguir creando e ordenando o que xa teño… A poesía non é un mundo doado, e que che publiquen tampouco.

Que che parece que unha Asociación de comerciantes organice un evento literario para celebrar o día das Letras galegas?

Moi interesante e adecuado, porque nun barrio convivimos miles de persoas con inquietudes de todo tipo: deportivas, artísticas, científicas, sociais e, como non, literarias. E este tipo de actividades culturais son máis ca adecuadas para un grupo, máis ou menos numeroso, pero que forma parte do barrio.

Cres que é necesaria a interación veciñanza-comerciantes, no barrio?

Fundamental para a boa marcha do barrio. Os comerciantes aprovéitanse dunha veciñanza que inviste no propio barrio, ao mesmo tempo que esta veciñanza pode verse favorecida polo servizos de maior calidade que ofertan os comerciantes. A rúa peonil de Ángel Senra pode exemplificar o que estou a dicir.

Queres engadir algo máis?

Sí. Desde este espazo que me ofrecedes, quixera reivindicar unha semana de Letras Galegas na que o barrio poida gozar de eventos de tipo cultural, deportivo, gastronómico, lecer…Creo que é un reto doado de conseguir, no que a veciñanza ten moito que dicir, e os comerciantes moito que ofertar.

Sinceramente, paréceme esperpéntico que se celebre unha Feira de abril no barrio, e non haxa unhas Letras Galegas con todas esas actividades que mencionaba anteriormente. Loitar pola autoestima é un ben que produce, a medio prazo,  interesantísimos réditos. 

O peto aniña na cortiza do carballo
mentres a neve 
ganduxa aloumiños brancos.
Peto e neve borboriñan para ti, 
Manuel María, 
o noso agasallo.

Fuco Paz Souto [email protected]

 

“Quixera reivindicar unha semana de Letras Galegas no barrio”