Pellets

ADEGA apela á Vicepresidenta Segunda e Conselleira de Medio Ambiente da Xunta que actúe con axilidade e responsabilidade ante incidentes de contaminación mariña

O presidente de ADEGA, Roi Cuba, mantivo un encontro coa Vicepresidenta Segunda e Conselleira de Medio Ambiente, Ánxeles Vázquez, para expresar a preocupación do movemento ecoloxista galego pola xestión da Xunta fronte ao recente episodio de contaminación mariña por vertido de pelets de plásticos. ADEGA reclama medidas inmediatas e unha colaboración máis estreita coa Xunta para afrontar a crise ambiental.
ADEGA apela á Vicepresidenta Segunda e Conselleira de Medio Ambiente da Xunta que actúe con axilidade e responsabilidade ante incidentes de contaminación mariña
<iframe width="560" height="315" src="https://www.youtube.com/embed/hJVVlrQjVE0?si=6MN6Pq4ny53cZ517" title="YouTube video player" frameborder="0" allow="accelerometer; autoplay; clipboard-write; encrypted-media; gyroscope; picture-in-picture; web-share" allowfullscreen></iframe>
Reunión de ADEGA coa Conselleira de Medio Ambiente (imaxe de adega.gal)

Santiago de Compostela, 15 de xaneiro de 2024 - O presidente da Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA), Roi Cuba, reuniuse esta mañá coa Vicepresidenta Segunda e Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ánxeles Vázquez, para expresar a inquietude do movemento ecoloxista galego diante da resposta insuficiente da Xunta de Galiza ao recente episodio de contaminación mariña.

A falta de reacción temperá, transparencia e información adecuada por parte das autoridades galegas ante o vertido de pelets de plásticos preocupa a ADEGA, que ve necesario un cambio na xestión da crise. O presidente de ADEGA, acompañado polo secretario xeral Froilán Pallín e a secretaria executiva Belén Rodríguez, trasladou á conselleira de Medio Ambiente unha serie de reivindicacións esenciais para previr futuras contaminacións mariñas e garantir unha resposta áxil e transparente.

Unha das principais demandas de ADEGA é a revisión do plano CAMGAL de resposta fronte a contaminación mariña accidental, buscando desligar a súa activación da decisión política e establecendo un Comité Científico Permanente no que o ecoloxismo galego teña representación. Ademais, insta á conselleira a proporcionar información constante e veraz sobre accidentes/incidentes marítimos mediante un portal web semellante ao EFFIS da Comisión Europea.

A organización ecoloxista tamén alerta sobre as deficiencias na xestión do voluntariado ambiental e urxe á Xunta a establecer un acordo de colaboración para a custodia ambiental do litoral galego ao longo do ano. A falta de protocolo claro e a entrega tardía do plano CAMGAL para o voluntariado contribuíron a unha resposta caótica na limpeza das praias.

ADEGA subliña a necesidade de priorizar a preservación de espazos naturais protexidos, especialmente os areais onde habita a píllara das dunas, unha especie vulnerable que comezaría a criar nas próximas semanas. Ademais, solicita instrucións claras para que os concellos cesen no uso de maquinaria pesada, evitando agravar a situación dos areais.

A resposta da Conselleira de Medio Ambiente, Ánxeles Vázquez, indica a mobilización de case 350 operarios en 62 praias, pero a cantidade exacta de residuos retirados está pendente de datos concellares. Vázquez expresou a súa vontade de colaborar coa ADEGA na coordinación e apoio dos labores de limpeza con voluntariado. A resposta da Xunta nestes días será crucial para a preservación do litoral galego e a súa biodiversidade.

ADEGA apela á Vicepresidenta Segunda e Conselleira de Medio Ambiente da Xunta que actúe con axilidade e responsabilidade ante incidentes de contaminación mariña