ADEGA | nota de prensa
ADEGA e outras 5 entidades do FDXCC recorren no Supremo o Plan Estatal de Enerxía e Clima 2021-2030
A demanda, pioneira na loita contra a implantación de renovables a gran escala sen a previa adopción de medidas para a protección da biodiversidade e sen a adecuada planificación e zonificación vinculantes, pretende levar ao Goberno do Estado a establecer as bases necesarias, conxuntamente co resto das administracións públicas, para unha transición enerxética que non implique a destrución e alteración de áreas de alto valor ambiental.
A iniciativa deste complexo proceso xudicial faise con cargo ao Fondo para a Defensa Xurídica da Cordilleira Cantábrica e das súas seis entidades promotoras (ADEGA, Plataforma para a Defensa da Cordilleira Cantábrica, Sociedade Galega de Ornitoloxía, Mesa Eólica das Merindades de Burgos, Bierzo Aire Limpo e a Plataforma para a Defensa dos Vales Pasiegos). Trátase da primeira acción xudicial de carácter estatal que se promove a través desta iniciativa, que recadou o pasado ano máis dun milleiro de doazóns que alcanzaron os 49.000€ a través dunha plataforma de micromecenado, superando o obxectivo inicial de 40.000€.
O pasado 9 de setembro de 2022, as entidades promotoras formalizaron o recurso ante o Tribunal Supremo, logo de requirir o tribunal ata en tres ocasións ao Goberno estatal a achega completa do expediente. A entidade que actúa en nome da iniciativa é a Plataforma para a Defensa da Cordilleira Cantábrica. O equipo xurídico que se fai cargo deste proceso está formado polas avogadas ambientalistas Mª Ángeles López Lax, Olga Álvarez e Mª Luz Ruiz Sinde, integrantes do grupo de xuristas que asesoran ao Fondo para a Defensa Xurídica da Cordilleira Cantábrica.
O obxecto da demanda é o acordo do Consello de Ministras e Ministros do 16 de marzo de 2021, polo que se adoptou a versión final do Plan Nacional Integrado de Enerxía e Clima (PNIEC) e a resolución da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, pola que se formulou a declaración ambiental estratéxica do plan e a Zonificación ambiental para de enerxías renovables: eólica e fotovoltaica.
As razóns da demanda
A nulidade dos devanditos actos e disposición regulamentaria baséase en esencia en distintos motivos, segundo se argumenta na demanda.
En primeiro lugar, hai que ter en conta que o PNIEC desenvólvese a partir do chamado Regulamento de Gobernanza (Regulamento UE 2018/1999) o cal establece que os Estados membros comunicarán á Comisión Europea plans integrados de enerxía e clima para un período de 2020-2030, conforme a un contido determinado no seu artigo 3, nos que se deberán artellar medidas para o logro dos obxectivos de descarbonización que se deben alcanzar para o 2030, consistentes en lograr o 32% de enerxías renovables, o 32,5% de eficiencia enerxética; o 15% de interconexión e o 40% (posteriormente elevado ao 55%) de redución de emisións de gases de efecto invernadoiro.
Isto implica unha transformación importante do sistema eléctrico “que tamén está estreitamente relacionada coa necesidade de manter, protexer e mellorar a calidade do medio ambiente e de promover unha utilización prudente e racional dos recursos naturais, en particular a través do fomento da eficiencia enerxética e do aforro de enerxía, así como do desenvolvemento de formas de enerxías novas e renovable. Ese obxectivo soamente pode lograrse a través dunha acción coordinada que combine actos lexislativos e non lexislativos aos niveis da Unión, nacional, rexional e local. Unha “gobernanza” que en todo caso deberá estar “ancorada no dereito”.
Consciente do impacto ambiental que esta transformación ocasionará, ademais da necesaria avaliación ambiental estratéxica dos devanditos plans, o Regulamento concede especial relevancia á participación pública na elaboración dos plans e na súa execución, a través dun diálogo enerxético multinivel e permanente.
Con todo, o PNIEC aprobado, nin en canto ao contido, nin en canto ao procedemento seguido para a súa elaboración, se adapta a dita normativa, nin á de protección e avaliación ambiental, pois foi aprobado sen participación pública (a cal se fixo tras a súa aprobación) e sen unha avaliación ambiental estratéxica previa (tamén posterior á súa aprobación), o cal supón un enorme menoscabo para a protección da biodiversidade e doutros elementos do medio ambiente.
A iso únese que nin o Estudo Ambiental Estratéxico do PNIEC nin a súa Declaración Ambiental Estratéxica cumpren os estándares mínimos de calidade esixidos legalmente, e tampouco o contido básico que o propio órgano ambiental estableceu no documento de alcance para o devandito Estudo ambiental Estratéxico. É por iso que o acordo do Consello de Ministras e Ministros de 16 de marzo de 2021, polo que se adopta a versión final do Plan (como mera formalidade legal) non pode garantir “unha utilización prudente e racional dos recursos naturais”, nin garante o mantemento, a protección e mellora da calidade do medio ambiente, conforme ao principio de precaución que ha de guiar as actuacións dos poderes públicos no ámbito da Unión Europea segundo o artigo 191 do Tratado.
A principal aposta do PNIEC para lograr os obxectivos de descarbonización que se propón alcanzar nesta primeira década (inferiores por certo aos requiridos no Regulamento de Gobernanza) reside nun ambicioso desenvolvemento de enerxías renovables (eólica e solar), moi por riba do obxectivo marcado polo Regulamento para o uso final de enerxía renovable (42 % do PNIEC fronte ao 32 % do Regulamento). Esta aposta fíxose sen establecer como ha de levarse a cabo dita implantación e sen cumprir co labor de todo plan como é o de fixar un marco para a autorización de proxectos, pois deixa en mans da libre iniciativa dos promotores o establecer canta, onde e como acometer o seu desenvolvemento. Como resultado, estamos abocados a unha imparable perda de biodiversidade e de chans agrícolas e a un impacto ambiental que se podían prever e mitigar adoptando no propio PNIEC -tras unha adecuada avaliación ambiental estratéxica- unha zonificación vinculante de zonas idóneas para a implantación de renovables.
A falta de participación pública deu lugar a un enfrontamento entre promotores, administracións e a poboación desa “España baleirada”, que é a principalmente afectada por grandes instalacións de parques fotovoltaicos e eólicos, a cal debería ser consultada, e na que Galiza é a máis prexudicada.
Outras medidas, como a Estratexia de Descarbonización a longo prazo 2050, a Lei 7/2021, de 20 de maio, de cambio climático e transición enerxética e a Estratexia de Transición Xusta, adoptadas simultaneamente ao PNIEC para a implementación da política europea de enerxía e clima (cando en realidade debería terse aprobado antes que o PNIEC) e o propio Regulamento de Gobernanza, tampouco previron ningunha planificación territorial/sectorial que supla ese baleiro de contido do PNIEC con carácter previo á implantación de renovables. Iso deu lugar a que esteamos a asistir a un boom de renovables (cuxos permisos de conexión á Rede Eléctrica do Estado español xa superan con fartura os obxectivos do plan) o que se invaden chans e hábitats de alto valor ambiental sen previamente considerar outras alternativas de menor impacto (como podería ser a utilización de chans degradados preferentemente), sen que os procedementos de avaliación de impacto ambiental poidan facer fronte á deterioración de espazos de alto valor ambiental, como a demanda demostra con informes periciais elaborados por un equipo de investigadores e técnicos independentes: Informe pericial de afección á biodiversidade; Ditame sobre a Declaración Ambiental Estratéxica do PNIEC; e Ditame sobre a zonificación ambiental para a implantacióin de enerxías renovábeis.
Tal “desgoberno” do PNIEC obsérvase no expediente administrativo seguido para a súa autorización, incorporado a este procedemento a contagotas polo propio MITERD (tras tres ampliacións do expediente requiridas polo Tribunal Supremo) no que non aparecen estudos, nin documentos preparatorios, nin datos obxectivos e contrastables que xustifiquen os obxectivos e alternativas elixidas nin o baleiro de medidas adoptadas de protección ambiental, e o que moitos documentos carecen de sinatura e autoría, como é o propio Estudo Ambiental Estratéxico.
Co fin de previr os danos á biodiversidade do actual boom de solicitudes de autorización de instalacións de enerxías renovables, o Fondo para a Defensa Xurídica da Cordilleira Cantábrica solicitou a corrección das deficiencias observadas sobre a falta de medidas de protección da biodiversidade como sería unha planificación sectorial e territorial previa e unha zonificación vinculante “adecuada” que facilitase a súa tramitación. Ante a falta de resposta formulouse un escrito de peticións -ao que se adheriron máis de 80 entidades de todo o Estado- á Vicepresidenta e Ministra de Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, ao que tampouco se respondeu, o cal nos levou á interposición deste recurso.
O obxectivo último da demanda debería levar ao MITERD a reconsiderar a súa pasividade ante a deterioración da biodiversidade derivada da implantación masiva de grandes instalacións de renovables e á adopción de adecuadas medidas de ordenación vinculante para a penetración das enerxías renovables, conforme aos principios de prevención, precaución, corrección na fonte e uso racional dos recursos naturais.