BNG | nota de prensa
Ana Miranda defende unha revisión urxente da Política Pesqueira Común
Bruxelas, 24 de xaneiro de 2023. A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, defendeu hoxe na Comisión de Pesca da Eurocámara a necesidade de modificar a Política Pesqueira Común (PPC), xa que non acadou os seus obxectivos de garantir que as actividades da pesca e a acuicultura sexan sostibles ambientalmente a longo prazo nin unha boa xestión pesqueira que cree emprego e fixe poboación nas zonas pesqueiras, que xere beneficios económicos e contribúa á produción de alimentos.
Pola contra, Miranda subliñou a importancia de que a nova PPC teña en conta a perspectiva social da pesca e debe considerar a dimensión social como unha prioridade, xa que até agora, para tomar diversas decisións, as partes afectadas non foran escoitadas, como son os pescadores e armadores, a cadea de produción e as comunidades costeiras que viven da pesca e do marisqueo.
Neste sentido, o Bloque considera que a dimensión social debe incluír tanto a mellora das condicións de traballo, da formación marítimo pesqueira no sector, da modernización da frota para facer que os buques de pesca sexan máis seguros nas duras condicións que ten a pesca en xeral.
“Os obxectivos da PPC non foron equilibrados para Galiza, existe unha gran descompensación entre os mesmos, e unha discriminación de certas frotas e territorios como a galega”, sinalou Ana Miranda na súa intervención na Comisión de Pesca, ao tempo que salientou a necesidade de revisar o criterio de estabilidade relativa e de que os obxectivos social, económico e medio ambiental sexan equilibrados.
Crítica ao criterio de estabilidade relativa
Neste sentido, o BNG considera que a Comisión mantén inxustamente o criterio de estabilidade relativa, baseado nos dereitos históricos de determinados Estados membros sobre determinadas pesquerías, sabendo que implica unha discriminación de partida que se mantén no tempo inxustamente para a frota galega. Para a eurodeputada nacionalista é fundamental que se revise, se actualice e se adapte aos cambios nas frotas e na xestión pesqueira e presentará emendas que recollan a posición do BNG sobre a PPC.