BNG | nota de prensa
O BNG coordina en Bruxelas a presentación de dúas denuncias contra o espolio eólico en Galiza
Ana Miranda: “Temos constancia do escandaloso incumprimento da normativa comunitaria e imos frear a burbulla eólica na nosa terra”
Bruxelas, 26 de agosto de 2022. A portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda, impulsa en Bruxelas a loita contra o espolio eólico en Galiza mediante a coordinación de unha xornada de traballo que inclúe a presentación de dúas denuncias contra a actual invasión eólica que efectuará en Bruxelas a vindeira semana a asociación ecoloxista ADEGA, así como un encontro coa Dirección Xeral de Medio Ambiente da Comisión Europea.
“Estamos diante dun escandaloso incumprimento de varias normativas comunitarias e imos traballar arreo para frear o espolio eólico que estamos vendo”, salienta Miranda, quen, en concreto, explica que se está a producir un claro incumprimento de directivas comunitarias en materia de protección do medio ambiente, así como a vulneración dos dereitos da cidadanía en materia de acceso á información ambiental e participación pública en relación aos proxectos eólicos en tramitación.
Estase a producir a vulneración da ampliación da Rede Natura 2000, da Directiva da Auga, da Directiva do Hábitat e da Directiva de Información Ambiental, entre outras, e precisamente a Comisión Europea abriu en 2020 un proceso de infracción contra o Estado español sobre a falta de medidas para protexer os espazos integrados na Rede Natura. Neste sentido, as reunións que coordinará Ana Miranda nas institucións europeas tamén terán como obxectivo coñecer en que punto se atopa o cumprimento deste proceso de infracción.
Traballo continuo en Galiza e nas institucións europeas
No obxectivo de frear o espolio eólico, o Bloque ten desenvolvido un traballo constante, que se refire tanto ao percorrido das comarcas nas que xa están instalados os parques eólicos ou nas zonas nas que están previstos, como á presentación de preguntas dirixidas á Comisión Europea -a través da coalición da que forma parte o BNG na Eurocámara- sobre o seu desenvolvemento. “Agora toca acompañar en Bruxelas unha entidade con tanto traballo realizado na defensa do medio ambiente como é ADEGA”, sinala Miranda a respecto dos encontros que terán lugar o 31 de agosto na capital comunitaria.
“No BNG queremos enerxías limpas e renovables en Galiza, pero respectuosas co medio ambiente, co noso rural e o noso patrimonio. E por suposto non queremos que os beneficios de producir enerxía en Galiza non queden na nosa terra”, conclúe Miranda, quen lembra que Galiza xa produce máis enerxía da que consume.