Ecoloxistas en Acción | nota de prensa

Concentración en Noia contra as intimidacións da empresa mineira de San Finx

A Plataforma comarcal contra as verteduras das Minas de San Finx organizou unha concentración para denunciar as denuncias falsas presentadas pola empresa mineira contra Ecoloxistas en Acción.
Concentración en Noia contra as intimidacións da empresa mineira de San Finx
Concentración
Concentración

Noia, 28 de setembro de 2023-. Esta mañá, a Plataforma comarcal contra as verteduras das Minas de San Finx organizou unha concentración ante os Xulgados de Noia. O obxectivo era mostrar a súa repulsa ante as denuncias falsas presentadas pola empresa mineira contra Ecoloxistas en Acción. Estas denuncias forman parte dunha campaña de acoso xudicial que pretende silenciar as protestas.

Durante a concentración, o director facultativo da mina, Iván Losada, estaba chamado a comparecer ante os Xulgados para ratificar a denuncia presentada por Tungsten San Finx. A denuncia está relacionada cun acto simbólico realizado o pasado 5 de xullo no que se taponou durante breves instantes o tubo a través do que a empresa realiza vertidos ilegais.

Os portavoces da Plataforma, Joám Evans e Rogelio Santos, tamén cargaron contra a Xunta demandando que paralice o bombeo de case mil millóns de litros de augas contaminadas con metais pesados que irían a parar á ría de Muros e Noia.

Para Ecoloxistas en Acción, “isto non é máis do que unha tentativa desesperada da empresa de calarnos a través dunha acción xudicial contra a participación pública”. A situación foi posta en coñecemento da Relatora Especial das Nacións Unidas sobre a situación das persoas defensoras de dereitos humanos, Mary Lawlor.

Concentración en Noia contra as intimidacións da empresa mineira de San Finx