contaminación

A contaminación segue a deteriorar o esteiro do río Miñor

Ecoloxistas en Acción Rías Baixas denuncia as continuas verteduras no río Miñor que degradan o Esteiro da Foz, en San Pedro da Ramallosa.
A contaminación segue a deteriorar o esteiro do río Miñor
Esteiro do Río MIñor
Esteiro do Río MIñor

A organización ecoloxista sinala que a pesar das múltiples denuncias da veciñanza, a situación non mellorou.

Ecoloxistas en Acción subliña que esta zona produtora de moluscos, e lugar de importancia comunitaria no marco da rede Natura 2000, atópase gravemente degradada debido á contaminación achegada principalmente polo río Miñor, con cargas fecais superiores ás normativas permitidas.

Denuncian que o foco principal desta contaminación é a deficiente estación depuradora (EDAR) de Gondomar, ademais doutras verteduras incontroladas ao longo do río.

Esta EDAR recibe un caudal de augas fecais e pluviais que superan a capacidade da instalación, o que produce desbordamentos que acaban no río, na marisma e no mar. Na vertedura da EDAR ao río Miñor, a auga presenta niveis intolerables de bacterias fecais e estes niveis increméntanse en máis dun 50%, augas abaixo da vertedura da estación depuradora, debido ás verteduras incontroladas sen depurar.

"A situación aseméllase á dunha cloaca a ceo aberto. Os niveis de contaminación rexistrados nos últimos anos na Foz do Miñor, non fixeron máis que aumentar. Pasou de Zona C a Pechada polos altísimos niveis de E. Coli que chegaron ás 160.000 bacterias por cada 100 gramos de molusco, máis de tres veces a cantidade máxima permitida en ZONA C", destaca Xaquín Pastoriza, voceiro de Ecoloxistas en Acción Rías Baixas.

No ano 2010 prohibiuse permanentemente a actividade marisqueira, da que dependían 60 familias. Porén, as administracións levan todo este tempo mirando cara outro lado.

As queixas da veciñanza, que chegaron ata á Comisión Europea e mesmo desembocaron nunha recente acción artística. O Colectivo Eco-artístico Riquiñas en Acción (RAKA) colocou unha "caca gigante" nas inmediacións da Ponte da Ramallosa, para chamar a atención sobre o estado da Marisma da Foz.

A gravidade deste problema xa foi reflectida no Informe Bandeiras Negras de 2022 de Ecoloxistas en Acción. Ese ano, a organización ecoloxista otorgoulle unha Bandeira Negra á Foz do Miñor por contaminación e mala xestión ambiental.

Ecoloxistas en Acción demanda medidas ás administracións para mellorar o tratamento das augas na estación depuradora e erradicar os vertidos sen depurar no río Miñor, para evitar que un dos espazos naturais máis importantes da bisbarra se converta definitivamente nunha cloaca.

A contaminación segue a deteriorar o esteiro do río Miñor