Eólica así non!
A Coordinadora Eólica Así Non! rodeará a Xunta este domingo contra espolio eólico e enerxético do país
Compostela, 19 de abril de 2023.- A Coordinadora Eólica Así Non! convoca o pobo galego a participar nunha acción masiva baixo o lema “Rodeamos a Xunta. Non á depredación macro eólica especulativa” encordoando o edificio administrativo de San Caetano, o vindeiro domingo día 23 de abril, ás 12:00 horas. A mobilización coincide coa data límite estabelecida pola normativa vixente -25 de abril- para outorgar autorización previa aos proxectos eólicos promovidos en Galiza con declaración de impacto ambiental favorábel.
Eólica Así Non! diríxese ao pobo galego no seu conxunto e, nomeadamente, ás plataformas de veciños e veciñas afectadas e a todo tipo de colectivos e entidades críticas co actual modelo depredador da enerxía eólica a manifestar a súa repulsa aos 77 proxectos eólicos con declaración de impacto ambiental positiva, cuxa aprobación podería ser inminente.
Con esta mobilización a Coordinadora esixe ao executivo galego que denegue as autorizacións das ducias de macroparques eólicos aos que a Consellaría de Medio Ambiente xa outorgou permiso ambiental o pasado mes de xaneiro e demanda a inmediata paralización duns 150 expedientes eólicos que a Xunta de Galiza aínda mantén en tramitación.
Restitución dos dereitos de participación pública usurpados e con garantías ambientais
Fronte a esta situación, a Coordinadora Eólica Así Non leva máis de dous anos reclamando unha nova planificación pública, ordenada e ao servizo do pobo; o establecemento dunha moratoria e a restitución dos dereitos de participación pública usurpados polas leis de depredación e simplificación que os gobernos galego e español teñen aprobado por vías exprés e antidemocráticas.
A Coordinadora entende que no actual contexto é máis necesaria que nunca a paralización de todos os proxectos e que calquera desenvolvemento racional da enerxía eólica no país debe pasar antes polo debido cumprimento do imperativo legal de ampliar a Rede Natura galega e de preservar con garantías os hábitats e ecosistemas que son prioritarios para afrontármonos ao reto climático, garantindo a participación dos comune