Ecoloxistas en Acción | nota de prensa
Denuncian a falta de acceso á documentación do macroparque eólico de Barjas no Courel
Ecoloxistas en Acción denuncia a imposibilidade de acceder aos documentos públicos relativos ao macroproxecto eólico de Barjas e ante esta irregularidade, que impide a acción popular, esixe que se anule o procedemento.
O Boletín Oficial da Provincia de Ourense publicaba o 4 de agosto o Anuncio da Área de Industria e Enerxía da Subdelegación do Goberno en Pontevedra, polo que se sometía a información pública a solicitude de autorización administrativa previa e o estudo de impacto ambiental do parque eólico Barjas de 121 MW. Este anuncio recoñecía o prazo de 30 días para que se presentaran alegacións aos documentos relativos ao macroproxecto de Barjas nos termos municipais de Barjas, Oencia, Trabaledo e Vega de Valcarce (León), Villamartín de Valdeorras, Petín, Larouco, A Pobra de Trives e San Xoán de Río (Ourense), e Folgoso do Courel e Quiroga(Lugo).
Ecoloxistas en Acción sinala que intentou acceder a través dos enlaces do BOP de Ourense para descargar a documentación pública do macroparque e atopabouse cunha resposta negativa para acceder a ela, de xeito reiterado o sistema reflectía: caducidade ou erro.
A organización ecoloxista resalta que ter acceso á documentación e poder alegar ao macroproxecto é un dereito recoñecido en diversas normas xurídicas, xa que, de feito, non se está cumprindo co mandato de facer proxectos ambientais participados tal e como recolle o convenio de Aarhus. Convenio trasposto ao ordenamento xurídico español mediante a lei 27/2006, polo cal os plans e proxectos que teñen unha incidencia directa ou indirecta no medio ambiente deben ser participados.
Ademais isto significa que de xeito presencial, xa que agora sanitariamente é posible, as administracións, nomeadamente a Xunta de Galicia e o MITERD, deben promover encontros coa veciñanza que vaia a verse afectada polos aeroxeradores. Sen embargo, denuncia Ecoloxistas en Acción, non hai unha verdadeira disciplina administrativa de fomento da participación e todo se reduce ao periodo de consultas e alegacións sen ter en conta que a maioría de persoas afectadas carecen de coñecementos xurídicos e técnicos para afrontar as alegacións aos macroproxectos eólicos. Como circunstancia agravante da falta do fomento da participación estivo á falta de acceso á documentación dun dos macroparques de maior impacto social e ambiental da provincia de Ourense e Lugo.
En febreiro Ecoloxistas en Acción presentou suxerencias na fase de Consultas reclamando a declaración de inviabilidade ambiental deste macroparque, xa que afectaría a tres provincias e dúas comunidades autónomas e agora pretendía exercer o seu dereito de alegar á declaración ambiental definitiva do macroproxecto eólico.
Ecoloxistas en Acción puxose en contacto co organismo competente para que solucionara esta grave irregularidade procedimental e observase na resposta dada pola Área de Insdustria e Enerxía de Pontevedra, departamento con competencias para vixiar a publicación no BOP de Ourense, a contestación enviada sinalando o enlace á documentación só uns días antes de que finalice o prazo para alegar. Por iso denuncian que non se respecta o prazo de 30 días de exposición pública e que ademais non se publica o enlace de xeito público senon que só se arranxou privadamente.