Ecoloxistas en Acción | nota de prensa
Ecoloxistas en Acción Galiza pide á Xunta e a Núñez Feijóo que teñan "sentidiño" e suspendan os campionatos de raposo desde ano
Nesta situación de pandemia cun incremento do número de contaxios alarmante resulta perigoso e neglixente, por parte da Xunta de Galiza, seguir a autorizar actividades cinexéticas como:
- A autorización de modalidades de caza colectivas: O período hábil para a caza menor remata o 6 de xaneiro, salvo algunha autorización de prolongación. A partires desta data empréganse só modalidades de caza maior como batidas e montarías onde os grupos de cazadores son moito máis numerosos. Na batida o número mínimo de cazadores é de 10 e o máximo de 30. Na montaría o número de cazadores está entre 20 e 50 ademais dos batedores.
- A autorización de competicións de caza: Estanse a celebrar competicións de caza durante todo o ano organizadas pola Federación Galega de Caza ou por sociedades de cazadores. O mes que máis competicións concentra é xaneiro, neste mes só para o día 8 e só programadas pola Federación Galega de caza hai 5 competicións (Copa federación galega de cans de parada sobre arcea e os Campionatos provinciais de caza de raposo en A Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra).
Nas circunstancias actuais da pandemia, coidamos que é necesario e urxente suspender as batidas, montarías e competicións de caza polo elevado número de participantes, polos desprazamentos que supoñen e polas celebracións que adoitan levar aparelladas.
Ademais, a falta de transparencia e de información coa cal a Xunta protexe esta actividade fainos temer que os participantes non cumpran coas precaucións que se nos esixen ao resto de galegos e galegas, nin que se lles someta aos controis aos cales somos sometidos o resto de cidadanía como test de antixenos, PCR, pasaporte COVID, distancia de seguridade, máscaras, etc. Aínda que sexa unha actividade ao aire libre, precisa de reunións e contactos entre os participantes. Os cazadores tamén teñen familia, amigos, veciños, compañeiros de traballo, aos cales poden contaxiar se algunha das cuadrillas resulta afectada.
Por iso para concluír dende Ecoloxistas en Acción Galiza esiximos "SENTIDIÑO" tanto á Xunta como a Alberto Núñez Feijóo e que cancelen estes mal chamados "campionatos" e demais actividades cinexéticas que poidan comprometer a saúde dos galegos e a súa economía.