Ecoloxistas en Acción | nota de prensa
Ecoloxistas en Acción inicia campaña para denunciar a falta de transparencia da Xunta
A organización ecoloxista sinala que o goberno galego reiteradamente non informa ou o fai parcialmente á documentación requerida, non contesta aos recursos e denega as personacións nos procedementos.
Ecoloxistas en Acción, unha vez agotada a vía administrativa, acudirá á xustiza para obrigar ao goberno galego a que cumpra a lei e deixe de obstaculizar ás asociacións ecoloxistas na súa labor de control cidadano ás accións de goberno da Xunta.
Ecoloxistas en Acción expón que un dos últimos casos de incumprimento da lei de transparencia por parte da Xunta é a negativa da Subdirección Xeral de Biodiversidade e de Recursos Cinexéticos a contestar e informar a maior parte dos datos requeridos en xaneiro do 2020 por esta organización galega sobre cuestións referidas as actuacións da Xunta para o control das especies de flora invasoras.
Segundo Ecoloxistas en Acción os datos solicitados non eran confidenciais nin afectaban á seguridade. Os datos requeridos son imprescindibles para que calquera outra persoa física ou xurídica poida valorar a eficacia e grao de aplicación en Galicia da lexislación que afecta ás especies exóticas invasoras, polo que en ningún caso pode caer na categoría de “manifestamente irrazoable”. Aclaran que a solicitude de dita información non é caprichosa ou innecesaria, xa que esta organización ecoloxista ten como norma basear os seus informes, campañas e actuacións en xeral en datos precisos e verificables, sexan estes de carácter científico, administrativo ou técnico.
Ante esta violación flagrante da lei de transparencia a organización ecoloxista tramitou un recurso de alzada a finais de marzo do pasado ano, pero este tampouco foi contestado pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.
Agotando a vía administrativa Ecoloxistas en Acción ven de solicitar á Comisión da Transparencia de Galicia que vele polo dereito de acceso a dita información, que a Constitución Española nos outorga mediante o artigo 105.b e que está recollido no artigo 12 da Ley 19/2013, de 9 de dicembre, de transparencia, aceso á información pública e bo goberno.