Ecoloxistas en Acción | nota de prensa

A enerxía eólica en Galicia

Galicia necesita máis potencia eólica para acelerar a transición enerxética e contribuír a limitar o quecemento global a 1,5 ºC

O crecemento da enerxía eólica debe acompañarse dun forte decrecemento do consumo enerxético e da protección dos espazos de maior valor ecolóxico.

A política eólica ten que primar o desenvolvemento rural e a xeracióndistribuída en mans da cidadanía.

A enerxía eólica en Galicia
enerxía eólica
enerxía eólica
Despois dun parón de 10 anos, en 2019 iniciouse unha nova vaga de construción de parques eólicos en Galicia que aumentou a potencia eólica instalada até uns 4.000 MW. Na actualidade están a tramitarse decenas de proxectos de novos parques que poden sumar uns 3.500 MW, dos cales uns 2.500 corresponden a parques maiores de 50 MW tramitados polo Estado. Os promotores son un grupo reducido de grandes empresas, case todas privadas, incluídas as que integran o oligopolio eléctrico.

Para contribuír a limitar o quecemento global a 1,5 ºC, Galicia debería reducir as súas emisións de Gases de Efecto Invernadoiro (GEI) polo menos un 65% en 2030, con respecto a 1990. En 2018, ano máis recente con datos oficiais, eran o 1% superiores a 1990. Dado que o 80% das emisións de GEI proceden do consumo de enerxía fósil, nomeadamente na xeración de electricidade, no transporte por estrada, nas industrias e nos fogares, é preciso acelerar a transición enerxética.
O incremento da produción eléctrica renovábel, e especialmente da eólica, xunto cunha maior electrificación do consumo de enerxía final, resulta fundamental como parte dunha estratexia ambiciosa de mitigación da crise climática.

Mais debe acompañarse tamén dun forte decrecemento do consumo enerxético e do peche canto antes das centrais eléctricas fósiles. En primeiro lugar, da central de carbón das Pontes, este mesmo ano, tal e como solicitou Endesa. Despois, e antes de 2030, das centrais de ciclo combinado de gas natural das Pontes (veciña da anterior e tamén de Endesa) e de Sabón
(Naturgy).

Ecoloxistas en Acción Galicia apoia o crecemento da potencia eólica, que sempre implica un aforro de emisións de GEI. Sen embargo, critica o tipo de políticas públicas que a están a promover, enmarcadas na procura dun ilusorio “crecemento verde” que desborda os límites ambientais, deseñadas á medida dos intereses de grandes empresas privadas en detrimento das comunidades rurais, e con consecuencias moi negativas para numerosos espazos de alto valor ecolóxico.

Na segunda vaga do desenvolvemento eólico en Galicia estanse a repetir os graves erros socioambientais da primeira. Espazos naturais valiosos, como as serras do Suído e A Groba ou áreas non protexidas do Macizo central ourensá ou Pena Trevinca, están ameazados por novos parques eólicos. E os intereses da poboación rural seguen a ser relegados mentres uns poucos acaparan o negocio eólico.

Ecoloxistas en Acción Galicia defende que nas zonas de alto valor ecolóxico, estean ou non na actual Rede Natura 2000, se impida a instalación de novos parques eólicos e o repotenciamento dos existentes. Isto obrigaría a desmantelar progresivamente máis dun 30% da potencia instalada até hoxe e a desestimar unha parte importante da nova potencia eólica en tramitación.

Nun documento de análise e propostas sobre a enerxía eólica, Ecoloxistas en Acción tamén defende medidas como a priorización do autoconsumo, a promoción das comunidades enerxéticas cidadás, a creación de empresas públicas, o incremento das rendas para os propietarios dos terreos que acollen parques eólicos e o achegamento da produción aos principais focos de consumo. Deste xeito minimizaríanse as afeccións territoriais e maximizaríanse os beneficios sociais do aproveitamento do vento.

DESCARGAR DOCUMENTO POSICIONAMENTO

A enerxía eólica en Galicia