STOP EÓLICOS XURÉS-CELANOVA | nota de prensa

A fonte do Vieiro sería a primeira vítima da central eólica de Greenalia en Bande

A plataforma STOP EÓLICOS XURÉS-CELANOVA alerta dos danos que causaría na fonte emblemática da N-540 a apertura dun vial de acceso á central eólica que Greenalia pretende instalar no Monte Grande, en Bande.

A fonte do Vieiro sería a primeira vítima da central eólica de Greenalia en Bande
Fonte do Vieiro
Fonte do Vieiro

STOP EÓLICOS XURÉS-CELANOVA convocou para o sábado 23 de outubro a I MARCHA EN DEFENSA DO MONTE GRANDE, e a primeira defensa que realizará será a da fonte do Alto do Vieiro, ao pé da N-540, un espazo singular, emblemático para toda a comarca onde se abren as primeiras vistas do Xurés.

Coa ampliación da estrada nos anos oitenta, cando se incorporou a cañota e rehabilitou a contorna, a fonte converteuse nun lugar de visita e tamén de abastecemento de auga para moitas veciñas e veciños de Bande e Verea, e mesmo visitantes de paso. A fonte é a porta de entrada a Bande e, polo tanto, ao Val do Limia, enmarcada a paisaxe polos montes do Xurés cos picos de Fontefría.

Agora Greenalia pretende abrir, a apenas uns metros da fonte, unha pista de 10 metros de ancho, o acceso principal á central eólica que a empresa de Beatriz Mato (ex conselleira do PP en sucesivos gobernos Feijoo) ten proxectada no Monte Grande. a infraestrutura, por onde circularían os vehículos pesados e materiais de obra, singularmente as enormes pás das máquinas aeroxeradoras, non só danaría a contorna da fonte, senón que ademais atravesaría un bidueiral de rexeneración natural de 14 hectáreas, entre a fonte e a mámoa do Vieiro, e poñería en perigo serio os mananciais que alimentan á fonte.

Greenalia está negociando desde hai unhas semanas cos comuneiros de Bande, e tamén se reuniu coa alcaldesa, Sandra Quintas (PP). Segundo puido saber STOP EÓLICOS XURÉS-CELANOVA, a empresa aínda non iniciou a tramitación do proxecto diante da Administración Pública, mais os comuneiros si recibiron información sobre algúns detalles e as afeccións.

STOP EÓLICOS XURÉS-CELANOVA xa anunciou que solicitará unha xuntanza coa alcaldesa para reclamar que o Concello de Bande informe á veciñanza dos impactos dunha central industrial que planea chantar 12 aeroxeradores, unha subestación e liñas de evacuación no Monte Grande, xusto no límite do concello cos municipios de Verea e de Rairiz de Veiga, que tamén poderían sufrir afeccións polas infraestruturas viarias do polígono.

STOP EÓLICOS XURÉS-CELANOVA, que agrupa a veciñas e veciños das comarcas de Celanova e do Xurés, así como tamén do Couto Mixto, comezou o pasado verán o seu labor de información e oposición veciñal ás centrais eólicas proxectadas en Celanova e Verea (P.E. Monte da Neve, da empresa alemá BayWa) e Bande (o proxecto de Greenalia denominado P.E. Fonte Santa), e tamén presentou alegacións ao documento de inicio do proxecto de LAT do Xurés, que daría servizo a dúas centrais eólicas no municipio de Baltar, atravesando a área da Reserva da Biosfera en Calvos de Randín e Muíños, a carón do Parque Natural do Xurés.

STOP EÓLICOS XURÉS-CELANOVA vén denunciando que na área de "aproveitamento eólico" contemplada no Plan Eólico Sectorial entre Bande e Celanova, de levarse adiante os plans empresariais, acabaría por instalarse un macro-polílgono eólico de 40 aeroxeradores e unha potencia por riba dos 100 MW, e con espazo aínda para seguir ampliando a infraestrutura de produción enerxética. Mentres, na zona este do Xurés, os plans empresariais ameazan con debuxar unha liña entre Cualedro e Calvos de Randín, sobre a mesma raia, de máis de 70 máquinas aeroxeradoras visíbeis desde toda a Limia. STOP EÓLICOS XURÉS-CELANOVA denuncia que todos estes proxectos estanse a tramitar de costas á cidadanía e, na maioría dos casos, co silencio cómplice das institución públicas: concellos, deputación, Xunta e Goberno estatal.

A fonte do Vieiro sería a primeira vítima da central eólica de Greenalia en Bande