Marea Atlántica | nota de prensa
A Marea Atlántica propón unha declaración institucional para rexeitar a instalación de parques eólicos mariños en caladoiros de pesca de baixura
A Coruña, 26 de xuño de 2021.- Desde A Marea Atlántica trasladoulles a todos os grupos do Concello da Coruña unha proposta de Declaración Institucional para o vindeiro Pleno do 8 de xullo, na que se rexeita a instalación de parques eólicos mariños preto de caladoiros de baixura, e se reclama que a pesca sexa considerada coma un sector prioritario a protexer na ordenación de espazos mariños.
“A pesca é motor económico e fonte de emprego, estratexia de soberanía alimentaria, identidade, cultura, patrimonio e sostén de comunidades costeiras. Este recurso debe ser protexido e tamén coidado con esmero para poder seguir aproveitandoo nas vindeiras xeracións”, sinala a nosa proposta de declaración.
Iberdrola contra os caladoiros de Ortegal e Estaca de Bares
Polo tanto, o texto rexeita expresamente a instalación de 70 aeroxeradores a pouco máis de 10 quilómetros da costa de Ortegal e Estaca de Bares, nos proxectos San Cibrao e San Brandán, impulsados por Iberdrola sen supervisión do Observatorio de Enerxía Eólica de Galicia. Este parque, fragmentado en dous proxectos para disimular o seu impacto ambiental, afectaría a case 150 km2 de importantes zonas de pesca entre Cedeira e Burela, nas que faena tamén frota con base na Coruña. O impacto é inasumible.
Doutra banda, nesta proposta de declaración institucional tamén se reclama que a pesca sexa un sector prioritario a protexer no Plan de Ordenación do Espazo Marítimo da Zona Noratlántica que redactou o Ministerio de Transición Ecolóxica. Este documento, que serve para conciliar os distintos usos do mar, debería protexer a pesca extractiva, pola súa relevancia económica e laboral, fronte a conflitos con outras actividades coma a eólica.
Na Deputación, en defensa do Monte do Gato
Doutra banda, no vindeiro Pleno da Deputación da Coruña, este luns 28 de xuño, defenderemos unha moción contra a implantación dun parque eólico de alto impacto no Monte do Gato, nunha zona que forma parte da Reserva da Biosfera das Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo, e que afecta aos concellos de Coirós, Oza-Cesures e Aranga. Nesta iniciativa procuramos o apoio da Deputación para paralizar o proxecto e asumir as demandas veciñais da plataforma Plataforma SOS Monte do Gato.
Este parque, impulsado por Greenalia e Galenergy, tamén foi fragmentado ata en seis proxectos menores para evitar unha análise rigorosa do seu impacto ambiental. En realidade, suma máis de 40 aeroxeradores de 200 metros de altura e uns 120 megavatios de potencia. Non só afecta á Reserva da Biosfera, senón aos numerosos restos arqueolóxicos documentados na zona, como as mámoas que forman a necrópole megalítica do Monte do Gato.
Por iso, ao igual que xa fixo o Concello de Oza-Cesuras nunha declaración institucional, procuraremos que a cámara provincial amose o seu rexeitamento a este abusivo proxecto eólico, exemplo dun modelo de explotación desmedida de recursos.