Mesa redonda: ¿O 5º contedor do lixo mellorará a xestión en A Coruña?
O 5º contedor do lixo, unha medida anunciada para mellorar a xestión dos residuos, xerou inquedanza e debate na cidade da Coruña. "Nostián con Futuro", unha plataforma que rexunta diversos colectivos preocupados polo modelo de xestión de residuos, organiza o primeiro acto público para debater este tema candente na cidade. A cita será o luns, 20 de novembro, ás 19h no Circo de Artesáns da Coruña, na rúa San Andrés, nº 36.
O evento, enmarcado na Semana Europea de Prevención de Residuos, contará coa participación de representantes dos tres grupos municipais do Concello da Coruña, do Consorcio das Mariñas, do comité de empresa de Nostián, así como de membros dos colectivos ecoloxistas e veciñais integrados nesta plataforma.
A mesa redonda contará con figuras destacadas como Noemí Díaz (grupo municipal do PSOE), Francisco Jorquera (grupo municipal do BNG), Jose Ramón Amado (grupo municipal do PP), José Antonio Santiso (Presidente do Consorcio das Mariñas), Hadrián Canosa (presidente do comité de empresa de Nostián), Manuel Soto (vogal de residuos de ADEGA) e un representante da AVV do Agra do Orzán. A xornalista Sara Vázquez moderará o debate garantindo a igualdade no uso da palabra entre os participantes. Ademais, o público terá a oportunidade de realizar preguntas aos participantes.
A Plataforma pola Reciclaxe: "Nostián con Futuro" nace coa intención de defender o actual modelo comarcal de xestión de lixo na Coruña. O anuncio da implantación do 5º contedor de envases de plástico despertou inquedanza entre a veciñanza, que manifesta problemas para ubicar axeitadamente os contedores actuais en certas zonas da cidade. Segundo datos de ADEGA, a planta de Nostián recupera 30 kg de residuos de envases por habitante, mentres que a de SOGAMA, xa co contedor de envases implantado, recupera 7,7 kg. Isto levanta dúbidas sobre a eficacia do novo contedor e o seu impacto na xestión de residuos.
A Plataforma "Nostián con Futuro" e as máis de 10 entidades que a integran esperan que este evento aclare algúns dos interrogantes existentes en torno a esta medida. Invitan á participación de todos os veciños e veciñas da Coruña e a súa comarca neste importante debate sobre a xestión de residuos.