Ecoloxistas en Acción | nota de prensa
O Parlamento Europeo perde a paciencia coa Mina San Finx
9 eurodeputados demandan o inicio dun procedemento de infracción contra España
As verteduras constantes con metais pesados poñen en risco a ría de Noia
Logo dunha ducia de preguntas parlamentarias e varias queixas e peticións en Bruxelas, 9 eurodeputados dos Verdes lanzaron, a proposta de Ecoloxistas en Acción, unha interpelación maior á Comisión Europea para que inicie un procedemento de infracción contra España polas verteduras con metais pesados procedentes da mina San Finx, na Galiza. As consecuencias poderían ser millonarias.
E é que as verteduras desta histórica mina de estaño e volframio, propiedade do Grupo Sacyr, véñense denunciando repetidamente ante as institucións europeas desde 2016, de forma paralela a accións xudiciais e administrativas en España por parte de ecoloxistas e colectivos locais, sen que até o momento se adoptase medida ningunha por parte das autoridades responsábeis.
A mina atópase a tan só 7 km do espazo da Rede Natura 2000 “Esteiro do Tambre” e dos ricos bancos de marisqueo da ría de Noia, o que motivou esta acción extraordinaria a nivel europeo, dado que o parlamento apenas tramita 30 interpelacións ao ano. Neste caso, as verteduras representan unha clara vulneración da directiva marco da auga e da directiva hábitats, mais tamén é notoria a ausencia de avaliación de impacto ambiental para unha actividade con consecuencias sobradamente coñecidas.
O ‘negacionismo’ da Xunta de Galicia
Lonxe de atallar o problema, o goberno galego optou por negalo, impedindo unha solución. Ante os informes dos propios funcionarios do departamento de minas nos que indican que a actividade mineira debe ser suspendida até que un novo proxecto sexa sometido ao preceptivo trámite de avaliación ambiental, a Xunta decidiu acelerar o proceso para que a mina poida retomar a actividade en cuestión de meses.
Así o confirmaba a cúpula do executivo galego nunha reunión celebrada este luns 26 en Santiago coa presenza do Vicepresidente Segundo, a conselleira de Infraestruturas, a conselleira do Mar e as directoras do departamento de minas, de Aguas de Galicia e do INTECMAR, organismo responsábel pola calidade dos bivalvos.
A Xunta quere así dar luz verde a unha autorización de verteduras que se leva tramitando con numerosas irregularidades desde 2016, sen adoptar ningunha medida para impedir que a contaminación se continúe a producir, o que implica a inxección constante de cantidades significativas de cadmio, cobre e zinc ao río contiguo á explotación.
Tamén se pretende librar á concesionaria mineira, propiedade de Valoriza Minería (a mesma empresa que está detrás dos polémicos proxectos mineiros de Cáceres e Alconchel), das súas responsabilidades sobre unhas presas de residuos mineiros que a Xunta intentou facer pasar por presas con fins hidroeléctricos, o que lles custou a imputación a tres funcionarios e altos cargos, entre eles o anterior director xeral de minas, Ángel Tahoces.
Investigación paralela da Oficina Europea contra a Fraude
O Parlamento Europeo non é a única fronte aberta que ten a Comisión coa mina San Finx. A Oficina Europea contra a Fraude (OLAF) tamén abriu un caso sobre a propia actuación da Comisión Europea en relación a esta explotación mineira.
De novo a instancias de Ecoloxistas en Acción, a OLAF está determinando se a financiación europea outorgada a Valoriza Minería para facer ensaios na mina San Finx, e que implicou intensificar as verteduras ilegais, podería ter implicacións para os funcionarios da Unión responsábeis deses fondos e coñecedores da falta de permisos ambientais.
Ecoloxistas denunciou como financiamento procedente dos fondos Horizonte 2020 se canalizou para pagar o salario do director da mina, así como para investigacións xeolóxicas que se realizaron en plantas supostamente inundadas da explotación, mais que se desaugaron por bombeo forzado entre 2016 e 2020 malia non existir autorización de verteduras. A Xunta de Galicia era igualmente coñecedora destes feitos, mais non actuou, permitindo que a situación continuase até a actualidade.
Cristóbal López, voceiro de Ecoloxistas en Acción: “O caso da mina de San Finx é un exemplo de como no Estado español proliferan as explotacións mineiras que buscan engordar a súa conta de explotación a base de incumprir a regulación. As administracións non poden seguir consentindo esta situación, deben actuar ante as agresións ao medio ambiente".