ORGANIZACIÓN GALEGA DE COMUNIDADES DE MONTES | NOTA DE PRENSA
Presentan unha guía didáctica sobre o Monte Veciñal en Man Común
A Organización Galega de Comunidades de Montes (ORGACCMM) presenta unha guía didáctica titulada “As Terras Comunitarias de Galiza: o Monte Veciñal en Man Común” co fin de amosar o funcionamento das comunidades de montes á mocidade en idade escolar.
A guía foi elaborada polo Instituto Galego das Terras Comunitarias (INGATECO) por encargo da ORGACCMM e se distribuirá polos colexios e institutos galegos como libro guía para o profesorado e alumnado.
A guía didáctica titulada “As Terras Comunitarias de Galiza: o Monte Veciñal en Man Común” presentada pola ORGACCMM ten como obxectivo principal que o alumnado de ESO e Bacharelato coñezan, comprendan e avalíen a importancia da propiedade colectiva que representan os Montes Veciñais en Man Común.
Mediante esta guía elaborada polo Instituto Galego das Terras Comunitarias se pretende recoñecer os valores que representan e dar a coñecer o traballo e a xestión comunitaria da terra baseada no funcionamento democrático e asembleario das comunidades de montes.
A ORGACCMM pretende que, a través deste texto educativo, a sociedade galega teña constancia da importancia das terras comunitarias na historia de Galiza. A súa condición de propiedade comunal e a súa xestión asamblearia converte os montes veciñais nun referente para construir unha sociedade máis solidaria e cooperativa.
O futuro dunha sociedade xusta debería de construírse entre outras cuestións importantes, fomentando nas persoas valores como a solidariedade, actitudes cooperativas, compartir espazos en común, aproveitando que aínda temos na memoria, no legado e na actualidade, formas de traballo colectivo que se manteñen dende o pasado e que non deberíamos esquecer, adaptando as formas as necesidades do presente e futuro, sendo en moitos casos unha sinal de identidade, polo que deberíamos respectalo como parte do noso patrimonio social e cultural.
O Monte Veciñal en Man Común é un referente do traballo comunitario, da nosa historia pasada, que se mantén vivo, formando parte do presente da sociedade galega, certo é, que moi pouco ou nada difundido, polo que sería importante comprometer o seu coñecemento e defensa, para que as actuais e novas xeracións asuman unha herdanza que foi transmitida de nais e pais a fillos e fillas o longo dos séculos, moi ligada a sociedade rural pero que tivo, ten e terá, unha grande incidencia na poboación urbana e na súa calidade de vida.
O Monte Veciñal en Man Común-MVMC, é un sinal de identidade que temos os galegos e as galegas. Nin é unha titularidade pública, nin é privada, é de natureza veciñal, colectiva, comunitaria. É a veciñanza dun lugar, aldea ou parroquia a que acada colectivamente decisións nas asembleas das Comunidades de Montes. Xa que logo, estes grupos son fonte de debate, participación,solidariedade e cooperación.
Os MVMC no territorio galego cumpren tres funcións moi importantes: económica, medioambiental e social. Son espazos abertos, por isto, das dúas últimas funcións, beneficiase a sociedade no seu conxunto. Ademais, teñen características de bens comúns, de bens sociais.
Son unha realidade viva no territorio galego,mais a pesar diso, son os grandes descoñecidos da sociedade, estando ausentes do currículo escolar galego, en calquera nivel, sendo isto unha enorme eiva e unha débeda pendente. E claro, o que se descoñece non se pode apreciar e valorar, polo tanto, moito menos defender. A Organización Galega de Comunidades de Montes e o Instituto Galego das Terras Comunitarias queren contribuír con esta Guía Didáctica a corrixir este descoñecemento.