En Touro pararon a mina, pero continúan os vertidos e os cheiros
"A nosa calidade de vida é totalmente deficiente neste ambiente e as nosas casas perderon todo o valor económico, ninguén quer vivir nunha zona nauseabunda con riscos potenciais que non son calculados ou medidos para a saúde das persoas", manifesta un colectivo de veciños de Touro nun comunicado de prensa difundido a semana pasada.
As veciñas e veciños denuncian "neglixencia" por parte das responsábeis das operacións realizadas na estación de tratamento instalada na antiga mina de Touro e lembran que teñen solicitado do Ministerio do Meio Ambiente, hoxe Ministerio de Transición Ecolóxica, unha estación de medición da calidade do ar, así como un estudo olfactométrico da zona por parte da Xunta de Galicia. Queixas que veñen mantendo desde hai dous anos "e que infelizmente até hoxe non se atenderon". A veciñanza reclama "saber o que estamos respirando" e se existe un nivel alto de carga de metano e amoníaco, tal e como expresaron nas queixas presentadas.
Este colectivo veciñal di estar preocupado porque o sucedido días atrás no vertedoiro de Zaldivar, en Euskadi, poda repetirse cos vertidos en Touro.