Ecoloxistas en Acción | nota de prensa

O Tribunal Superior de Xustiza paraliza a mina da Penouta

Ecoloxistas en Acción consegue que a Sala do contencioso do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia decrete a paralización cautelar da explotación mineira da Penouta (Viana do Bolo) ante os graves impactos que ten a mina sobre o espazo protexido de Pena Trevinca, Rede Natura 2000.

O Tribunal Superior de Xustiza paraliza a mina da Penouta

Ecoloxistas en Acción ven denunciando desde fai anos os impactos da explotación mineira da Penouta, en Viana do Bolo, incluíndo os vertidos de residuos nos regos da zona e que afectan ao LIC Pena Trevinca, en Rede Natura 2000. Agora a sala do contencioso do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza ven de darlle a razón ao suspender cautelarmente a resolución da Xunta que fai un ano autorizou o proxecto de explotación da mina. Para Ecoloxistas en Acción este é un primeiro paso cara a anulación da autorización da mina de estaño e tantalio da Penouta, propiedade da canadense Strategic Minerals. 

A pesar das advertencias e alegacións de da organización ecoloxistas, a Xunta de Galicia dictou en marzo de 2022 unha Declaración de Impacto Ambiental favorable que permitiu á empresa iniciar a explotación a ceo aberto, incrementando os impactos ambientais sen que se avaliaran adecuadamente a afección á Rede Natura 2000, hidroloxía e vivendas próximas na aldea da Penouta. Agora reclaman á Xunta que respecte a decisión xudicial e ordene a paralización inmediata da actividade mineira en cumprimento do auto. 

“Agardamos que o Goberno galego cumpla axiña co dictamen do auto xudicial. De non o facer, iniciaramos accións executorias e reclamaremos a responsabilidade persoal dos funcionarios e altos cargos polos impactos xerados”, recalca Cristóbal López, voceiro de Ecoloxistas en Acción.

A organización ecoloxista está satisfeita coa decisión xudicial e lembra que desde 2018 a Confederación Hidrográfica Miño-Sil iniciou varios expedientes sancionadores contra a mina por denuncias do servizo municipal de augas, da poboación afectada e tamén dos ecoloxista. 

Expedientes sancionadores que foron apreciados polo Tribunal á hora de dictar o auto de medidas cautelares, xa que este longo historial de sancións por  vertidos demostra o xeito de operar da minería. Así, en 2018 a empresa foi sancionada por vertedura directa, sen autorización administrativa, de augas de escorremento procedentes da explotación  mineira ao leito do rego da Treita de Cortiñas. Meses despois, o mesmo organismo hidráulico voltaba a sancionar á empresa polas verteduras derivadas da falla crítica dunha das balsas da explotación, unha vez máis causando danos ao dominio público hidráulico. Logo, en 2021, mentres se realizaba a avaliación de impacto ambiental do novo proxecto, foi imposta unha sanción máis polo derrame de lodos afectando ao rego da Treita de Cortiñas e ao río do Rosario.

Demandan acción por parte da Confederación

Ecoloxistas en Acción ten denunciado que, segundo informes que posúe a administración galega,  as masas de auga  de Treita de Cortiñas, Rego de Valdafranca e Rego dos Corvos superan en varias ordes de magnitude os valores máximos permitidos para arsénico, mercurio, cadmio e chumbo, todas elas substancias perigosas prioritarias, altamente tóxicas e no caso dalgunhas delas canceríxenas. A contaminación ten afectado ás propias captacións de auga da vila de Viana do Bolo, onde xa se tivo que interrumpir o subministro. Situación pola cal, a organización ecoloxista mesmo lle fixo chegar ao Concello de Viana un informe sobre os impactos na saúde que pode provocar a exposición prolongada a estas substancias tóxicas.

 

Non obstante, para a organización ecoloxista é sorprendente que todas as analíticas realizadas pola Confederación Hidrográfica omitisen precisamente os parámetros arsénico, mercurio, cadmio e chumbo, permitindo que a empresa conseguise evitar sancións moito máis altas polo incumprimento das Normas de Calidade Ambiental e que mesmo se arquivasen algúns procedementos. Ecoloxistas en Acción advirte que a mineira está tentando facer pasar a contaminación existente por algo natural, como xa tentaran, sen éxito, as minas de Touro e San Finx e así evitar responsabilidades.

O Tribunal Superior de Xustiza paraliza a mina da Penouta