medio ambiente
O TSXG paraliza cautelarmente o parque eólico Monte da Croa a instancias de ADEGA
No informe técnico achegado por ADEGA, poñíase de relevo a minusvaloración por parte da Xunta de Galicia da afección do polígono eólico sobre os espazos naturais de Rede Natura 2000 próximos, sobre a conectividade ecolóxica das áreas protexidas e sobre as zonas de ampliación da rede propostas en 2008 e 2011. Tamén achegou proba da falta dunha adecuada avaliación do impacto eólico sobre as zonas húmidas inventariadas polo IBADER presentes na área de estudo e sobre a avifauna ameazada.
O auto xudicial tamén considerou e destacou de forma especial o potencial risco de efecto barreira que unha alta densidade de infraestruturas eólicas pode ter sobre as poboacións de aves e morcegos, recoñecido pola propia Xunta e posto de manifesto na resolución desfavorable de declaracións de impacto ambiental de diversos parques eólicos proxectados na mesma zona que o de Monte da Croa.
Coa paralización cautelar do proxecto, o TSXG pretende evitar danos irreparábeis ao medio ambiente, cuxa preservación debe prevalecer fronte aos intereses públicos na utilización das enerxías renovables e económicos da promotora.
Un paso adiante contra a presión eólica da Costa da Morte
ADEGA expresa a súa satisfación ante este auto de suspensión cautelar, que representa un paso importante contra a presión eólica que xa a día de hoxe sofre a Costa da Morte. A organización ecoloxista lembra que o efecto acumulativo do cento de eólicos que actualmente operan no Concello de Vimianzo, máis os que están en tramitación, fai que este desenvolvemento industrial sexa ambientalmente incompatible.
O proxecto eólico Monte da Croa, agora suspendido cautelarmente, consta de 7 aeroxeradores que suman unha potencia de 27,90 MW, e que afectan a unha superficie desproporcionada na que habitan ata 26 especies con distintos graos de protección, como a salamántiga rabilonga, a víbora de Seoane ou as aves migratorias ameazadas que visitan as lagoas de Castrelo.
O impacto sobre o patrimonio cultural tamén é significativo, afectando necrópoles megalíticas, achados arqueolóxicos e petróglifos.
Agradecementos
ADEGA agradece e parabeniza a todas as persoas, colectivos e plataformas que fixeron posible, a través da campaña de recadación solidaria #TiPodesParalos, que a organización puidese interpoñer no TSXG recurso contencioso-administrativo contra este proxecto e solicitar a súa paralización cautelar. Agora fica agardar á resolución do recurso contencioso-administrativo.