Acampa pola paz e o dereito a refuxio
Aberto o prazo para presentar candidaturas ao III Recoñecemento Internacional Acampa á Defensa dos Dereitos Humanos
A Coruña, 24 de xaneiro de 2023.- A Rede Acampa pola Paz e o Dereito a Refuxio busca un ano máis a complicidade de todas as organizacións e particulares que a integran para a presentación de candidaturas á terceira edición dos Recoñecementos Internacionais Acampa á Defensa dos Dereitos Humanos nas dúas categorías que se outorgan, a internacional e a local (Galicia). Trátase de elixir entre todos aos merecedores do aplauso colectivo do Movemento Acampa pola defensa dos Dereitos Humanos, o Dereito a Refuxio e a Defensa da Paz e o Diálogo como maneira de resolver os conflitos.
O proceso é moi sinxelo. Todas as organizacións que - con carta de adhesión- integran a Rede Acampa Internacional, as persoas que consten rexistradas como asociadas á mesma, e os equipos de coordinación locais de Acampa Internacional poden presentar as súas propostas. Só hai que facer chegar dixitalmente, ao correo electrónico [email protected] un breve resumo dos motivos da proposta, con fotografía do candidato/candidata ou logotipo da organización e biografía ou memoria dos mesmos. Está todo ben detallado na ligazón: https://redeacampa.org/gl/iii-reco-bases-acampa-2023/
O Recoñecemento pretende pór o foco mediático e evidenciar a situación de retroceso dos Dereitos Humanos en todo o mundo e a importancia de recuperalos e defendelos coa forza e resiliencia que demostran os receptores deste Recoñecemento.
O prazo para presentar candidaturas para o Recoñecemento Acampa á Defensa dos Dereitos Humanos 2023 finaliza o 15 de febreiro.
Votacións
Unha vez pechado o prazo de presentación de candidaturas, abrirase un prazo de votación no que poderán participar todas as persoas acreditadas como asociadas a unha das organizacións Acampa e todas as organizacións da Rede Acampa (cun voto por organización). A votación para o Recoñecemento Acampa 2023 poderá exercerse entre o 1 e o 31 de marzo.