Acampa pola paz e o dereito a refuxio
Acampa condea a última ofensiva militar de Marrocos contra o pobo saharauí e lembra o espolio de recursos naturais que hai detrás da ocupación
A Coruña, 17 de noviembre de 2020.- Acampa pola paz e o Dereito a Refuxio condena o ataque militar de Marrocos contra o pobo saharauí en Guerguerat (a única saída á mar dos saharauis) e recrimina o silencio cómplice da ONU e tamén do Goberno español respecto a situación da que foi a derradeira colonia do noso país. A ocupación do Sahara Occidental polo Reino alauí hai xa 45 anos (Marcha Verde) non é allea á explotación e o espolio dos seus abundantes recursos naturais como a pesca, os fosfatos, os hidrocarburos ou mesmo a propia area do deserto, bens dos que primeiro se aproveitou España durante a etapa colonial e agora faino Marrocos.
O espolio de recursos e as súas consecuencias para as poboacións deses lugares é o tema sobre o que orbitan este ano as actividades de Acampa no seu cuarto encontro internacional, que se desenvolve ata o 14 de decembro na Coruña. A situación do pobo saharauí, refuxiado nos campos de Tinduf (Alxeria) –uns dos máis lonxevos do mundo- e o muro que levantou o Reino marroquí contra eles forman parte da exposición fotográfica Espolio, elemento central desta cuarta edición de Acampa pola Paz, unha mostra que pode visitarse nos céntricos Xardíns de Méndez Núñez da cidade coruñesa.
Acampa é especialmente crítica coa postura do noso país respecto a este dilatado conflito, tanto pola súa nula intervención na súa resolución ao longo deste case medio século, como polo bochorno histórico de abandonar á súa sorte e non recoñecer a nacionalidade dos habitantes da provincia española do Sáhara tras a ocupación marroquí. Os antigos documentos de identidade españois que conservan moitas das persoas refuxiadas de Tinduf son un testemuño gráfico do vergoñoso proceso de descolonización de España e as súas consecuencias para o pobo saharauí. Non menos condenable para a rede Acampa é a actitude da ONU, que leva 45 anos xogando ao descoido coa convocatoria do prometido referendo de autodeterminación e sen intervir contra Marrocos, o que, ven a significar, de facto, un apoio á ocupación.
Os dous lados do muro
A mostra Os dous lados do muro, que asina o fotoxornalista sevillano Luis de Vega, documenta na exposición Espolio a vida ao redor do larguísimo “muro da vergoña”, levantado no medio do deserto por Marrocos para tentar impedir o retorno dos saharauís e evitar posibles ataques dun Fronte Polisario, cuxa capacidade militar sen apoio externo, é case nula. Un escenario no que conviven o drama das persoas refuxiadas abandonadas durante décadas nos campos de Alxeria e a explotación dos grandes recursos da zona ocupada por parte de Rabat. “España, como potencia oficialmente responsable do territorio, e Marrocos, como ocupante de facto, síntense cómodos no medio da indiferenza da comunidade internacional. A colonia máis antiga de África non é noticia habitual”, escribe na descrición da súa mostra en Acampa o fotoxornalista que asina as instantáneas.
A exposición Espolio é o núcleo central desta edición de Acampa, condicionada pola pandemia do Covid-19, que obrigou á organización a restrinxir ao mínimo as actividades e a prescindir da presenza na cidade de activistas e especialistas de primeiro nivel mundial como ocorreu en anos anteriores. O encontro internacional conta co apoio do Concello da Coruña, a Deputación Provincial e a Universidade coruñesa.
Esta exposición urbana de gran formato, pode tamén visitarse de maneira virtual a través da web de Acampa www.redeacampa.org ou da plataforma www.peopleartfactory.com
O roubo da auga “marca España” que sofre Guatemala
O programa desta cuarta edición de Acampa pola Paz e o Dereito a Refuxio tamén inclúe un encontro en liña organizado en colaboración coa OCV (Oficina de Cooperación e Voluntariado) da Universidade da Coruña e a oenegué Ecos do Sur. A charla, que terá lugar o 26 de novembro ás 19.30 horas (hora de Galicia) e 12.30 horas (hora guatemalteca) contará coa participación do avogado e notario de Guatemala Juan Carlos Peláez Villalobos e o profesor asociado na Universidade Autónoma e na Universidade Carlos III de Madrid Pablo Martínez Osés, membro do colectivo “La Mundial”. A charla estará moderada polo escritor e músico Xurxo Souto. A realidade de Guatemala, coas comunidades indíxenas perseguidas na súa defensa do territorio fronte ao espolio ten moito que ver co noso país. Non en balde, son varias empresas “marca España” as que desecaron os seus ríos coa construción de minicentrais hidroeléctricas, deixando a estes pobos sen hábitat e sen recursos de supervivencia. O dano agrávase nestes días coa chegada dos furacáns. As empresas soltaron a auga retida levándose por diante pobos enteiros, anegando vivendas, campos de cultivo e afundindo as reservas de semente de moitas comunidades indíxenas.
Acampa pola paz e o dereito a Refuxio, rede nada na Coruña en 2016, con ramificacións xa en Madrid, Brasil e xestándose en Portugal, é un movemento sen fins de lucro cuxo obxectivo é defender os Dereitos Humanos, o Dereito Internacional Humanitario e o Dereito a Refuxio. É unha rede transversal da que forman parte xa sesenta e seis colectivos sociais, culturais, educativos, veciñais, oenegués e organización de defensa dos Dereitos Humanos, partidos políticos e agrupacións sindicais, ademais de institucións e empresas con responsabilidade social da cidade e do resto do país.