Movementos sociais
Acampa pola paz e o dereito a refuxio pon en marcha o primeiro calendario social da Coruña e a súa contorna
A Coruña, 30 de setembro de 2020.- Unha iniciativa máis da rede Acampa que afonda no seu obxectivo, defender e difundir a paz e o dereito a refuxio, conceptos e valores ameazados e esquecidos en centos de puntos do planeta. Para iso, e a través da páxina web desta plataforma, www.redeacampa.org púxose en marcha o primeiro Calendario Social da Coruña e a súa área de influencia. A idea é que todas as organizacións, asociacións e entidades que forman parte da rede na actualidade, e todos aqueles colectivos que decidan sumarse no futuro, poidan anunciar os seus programas de actividades a través desta plataforma. O obxectivo é sinxelo, multiplicar a difusión deste tipo de propostas (conferencias, encontros, exposicións, proxeccións…) e, ao tempo, evitar posibles contraprogramacións, isto é, evitar as coincidencias de datas e horarios que ás veces se dan neste tipo de iniciativas.
O proceso é sinxelo. Cada un dos membros da rede Acampa pola Paz e o Dereito a Refuxio poderá “colgar” directamente as súas convocatorias no calendario, que ademais se sincronizará se asi deséxano os usuarios co seu propio calendario google. Calquer dúbida sobre o uso ou o acceso ao calendario, pode aclararse a través do mail [email protected]. O fin, en definitiva, estar ao día das propostas sociais da cidade e a súa contorna da maneira máis cómoda posible.
En marcha de novo o Acampa 2020, que estará adicado ao espolio
Por mor da pandemia, a rede houbo de aprazar o seu evento máis importante, Espolio, a cuarta edición de Acampa pola paz e o Dereito a Refuxio 2020 na Coruña, focalizada na relación directa entre o espolio dos recursos naturais e a xeración de desprazamentos forzosos e prevista para o pasado xuño. A pesar diso, e durante estes meses, non deixou de traballar para facelo posible, confiando en poder celebralo, coa compricidade e apoio do Concello da Coruña, da Deputación , e doutras administracións e entidades, antes de que remate o ano.
Durante estes meses a rede mantívose en actividade. Nunha estreita comunicación con Acampa Brasil celebráronse nos meses de xullo e agosto senllos encontros en liña en colaboración con eles. Neles, expertos en materia de espolio contaron a dura realidade que están a vivir as comunidades indíxenas daquel país, cercados ou expulsados dos seus territorios por empresas, multinacionais e gobernos que están a esquilmar a Amazonía e outras áreas de biodiversidade imprescindibles, polos intereses económicos das grandes madeireiras, do agronegocio ou das explotacións mineiras. Así o contaron a avogada indíxena e asesora da FUNAI, Fernanda Kaingáng, e o profesor de Xeografía da Universidade Estadual Paulista (UNESP) e investigador sobre o Movemento de Retomadas Indíxenas dos seus territorios, José Gilberto de Souza, no encontro celebrado o 2 de xullo baixo o título “Pobos Indíxenas: Resistencia máis aló da Amazonía”. Ou o profesor Eloy Terena, asesor xurídico da APIB, a ex presidenta da FUNAI, Guta Asiratti, a investigadora da UNESP, María Clara Belchior, ou Célia R. Rossi, profesora da UNESP e coordinadora de Acampa Brasil o 19 de agosto, cando abordaron o debate “Pobos Indíxenas e as orixes do Refuxio en Brasil”. A chegada do virus COVID-19 aos territorios indíxenas foi devastador, utilizándose incluso a enfermidade como ferramenta para acabar cos pobos indíxenas, molestos para o goberno de Bolsonaro pola súa defensa da natureza e a súa loita contra a destrución do seu hábitat.
Estes dous encontros podense ver nas ligazóns:
“Pobos Indíxenas: Resistencia máis aló da Amazonía” https://www.youtube.com/watch?v=Uz35rwCzeOs
“Pobos Indíxenas e as orixes do Refuxio en Brasil” https://www.youtube.com/watch?v=GW8MvDT5lqM
Crise de refuxiados sirios, cambio climático, mulleres refuxiadas e espolio
En só tres edicións, Acampa converteuse nunha cita imprescindible que converte a Coruña nunha das urbes máis empáticas coa problemática das persoas refuxiadas e migrantes que foxen da pobreza, as guerras, a violencia ou as cada vez máis frecuentes catástrofes naturais producidas pola crise climática. En cada edición, Acampa pola paz e o dereito a refuxio pon o foco nun aspecto concreto. En 2017, a primeira, foi a crise dos refuxiados de guerra, achegándonos ao drama sirio; en 2018 centrouse nas migracións derivadas do cambio climático e en 2019 apuntou ao drama específico das mulleres refuxiadas, sempre, xunto cos nenos, as máis vulnerables dos vulnerables. Este ano 2020, o espolio económico que está detrás de moitos dos desprazamentos forzosos de persoas en todo o mundo centrará o programa.
A rede Acampa é unha iniciativa sen fins de lucro que naceu en 2016 na Coruña co obxectivo de defender os Dereitos Humanos, o Dereito Internacional Humanitario e o Dereito a Refuxio. É unha rede transversal da que forman parte máis de sesenta colectivos sociais, culturais, educativos, veciñais, políticos e sindicais, ademais de institucións e empresas con responsabilidade social da cidade e do resto do país. Unha gran maioría desas organizacións son ONG que traballan in situ coas persoas refuxiadas en todo o mundo, desde Open Arms, Save The Children ou Médicos Sen Fronteiras ata Amnistía Internacional, Oxfam Intermón e Greenpeace. Con vocación universal e en só catro anos, o movemento conseguiu replicarse en Brasil ou Madrid, e está a xestarse en Lisboa.