UAMI: Unidade de Asesoramento a Persoas Migrantes
O Concello traslada a UAMI ao Centro Cívico dos Mallos, no que se atenderá á veciñanza desde o 17 de setembro
O servizo, que depende da área de Igualdade e Diversidade, atendeu ao longo do pasado exercicio a 1.103 persoas
A Concellería de Igualdade e Diversidade informa de que, a partires do luns 17 de setembro, a Unidade de Asesoramento a Persoas Migrantes (UAMI) do Concello da Coruña prestará os seus servizos no Centro Cívico dos Mallos. Así, desde o día 17, os servizos da UAMI que se atopaban tanto no Ágora como da Sagrada Familia, pasarán a ofrecerse no segundo andar do centro municipal dos Mallos.
A UAMI conta cun equipo formado por tres persoas que se dedican ao asesoramento xurídico, orientación laboral e ao traballo social. Ao longo do pasado exercicio, atenderon a un total de 1.103 persoas que, na súa meirande parte, consultaron dúbidas vinculadas con autorizacións de residencia temporal e comunitaria, ademais de reagrupacións familiares. Tamén ao longo do ano 2017, o servizo municipal, que conta cun Club de Emprego, ofreceu 30 accións formativas gratuítas --obradoiros ou charlas-- nas que participaron 423 persoas co obxectivo de facilitar a súa inserción no mercado laboral, entre outras cuestións.
Ademais destes servizos, a UAMI conta cunha Escola Intercultural, que ten como finalidade desenvolver actividades de dinamización socioeducativa, así como fomentar a adquisición de competencias sociais, culturais e lingüísticas entre a poboación migrante da Coruña. Ao longo do pasado curso académico, a Escola traballou con 48 menores de 15 centros educativos da cidade, en coordinación cos equipos de orientación dos mesmos. O novo contrato da Escola, actualmente en fase de adxudicación de ofertas e que pasará de 35.000 a 103.000 euros anuais, prevé un notable incremento de prestacións, como o aumento de horas lectivas para menores e grupos escolares, que pasarán a contar con 3.000 horas ou actividades de ocio alternativo o venres ou no verán, ademais de actividades para as familias e a comunidade, e un novo servizo de auxiliares de tradución, entre outras propostas.