Sanidade pública
“Os inmigrantes pobres non están aquí para facer turismo sanitario”
ENTREVISTA | Belén Torrón, técnica de inmigración de Médicos do Mundo
Belén Torrón empuxa a cadeira de rodas da na que senta Mirela, unha moza romanesa que chegou a Galiza cando nena e que vén desde Compostela á Coruña para contar no programa Simplemente Gente, en Radio CUAC, como a sanidade nin é universal nin é gratuíta. Belén é a súa acompañante en Médicos do Mundo, ten máis casos, “os que podo coller para facer un seguimento até o final, até que se resolvan, non deixo nin un sen rematar”, sinala. Mirela non sabe ler nin escribir. É unha das vítimas das barreiras sanitarias que o Estado español e a Xunta de Galicia construíron nos últimos anos contra os inmigrantes. “Cando chegou non sabiamos por que estaba nunha cadeira de rodas. Dicían que non podían atendela porque non tiña a tarxeta sanitaria, e non tiña a tarxeta porque non estaba empadroada, e non estaba empadroada porque non tiña ningún documento válido do seu país…”, conta Torrón, que advirte que non fala dun caso illado, que a moitas inmigrantes se lles nega por lei o dereito a ser atendidos de forma gratuíta na sanidade pública galega, e mesmo ás veces hai médicos que incumprindo o código deontolóxico e a carta dos Dereitos Humanos lles negan a atención “cando por algunha circunstancia afortunada conseguiron saltar a barreira administrativa”.
Unha lei estatal de 2012 deixou fóra da cobertura sanitaria básica a centos de miles de persoas que viven en situación irregular. Nin consulta ordinaria nin radiografías. Salvo as urxencias, pero aquí tamén hai obstáculos e as veces o servizo público factura pola atención ou directamente nega a prestación.
- Está incumprindo a lei a Administración galega?
- Eu podo falar do que eles din e do que eu vexo. Eles din que as ordes son de atender sempre, e o código deontolóxico di o mesmo. Mais eu vexo que a atención non se presta sempre e que hai casos en que se demanda e non se recibe en diferentes motivos segundo o caso. Hai veces en que a información que se facilita aos inmigrantes respecto dos seus dereitos non é a correcta. Pode ser porque non se lles queira facilitar a información correcta ou porque a persoa que lla dá non estea formada para iso. A primeira mensaxe que se lanza é sempre: ‘se non tes tarxeta sanitaria, non tes dereito a atención’. E iso é falso. Sucede tamén que en Urxencias fanse valoracións previas, por parte de persoal de administración, sobre se o que che pasa é ou non é unha urxencia médica.
- Persoal que está cualificado para iso…?
- Non, persoal de administración. Pasoume nun caso en Urxencias, dixéronme que nos derivaban ao PAC [Punto de Atención Continuada] sen sequera ter visto ao paciente. Dixéronme que a orde do Servizo [SERGAS] era que todas as persoas que non tiveran tarxeta sanitaria se derivasen ao PAC. Preguntei entón se nun caso de cancro actuarían do mesmo xeito. Nese caso, si entra por Urxencias. A persoa á que acompañaba sufre o ELA. Quero dicir que hai persoal na sanidade que fai valoracións médicas que non lle corresponden. E despois está a barreira da facturación. Todas as consultas en urxencia á xente sen tarxeta factúranse. Entendo que isto non cumpre co dereito a asistencia a lo menos até a alta médica, que foi unha das grandes discusións que tivemos as ONG co Estado cando se empezaba a preparar a lei.
- A que se refire?
- Pois que na práctica, a norma que rexe a atención que poden recibir as persoas sen tarxeta sanitaria equipara a alta hospitalaria á alta médica. Calquera profesional sabe que son cousas distintas. As aseguradoras privadas teñen moi clara esa diferenza.
- A nivel galego, fíxose algo para corrixir esta situación de desamparo?
- Aquí abriuse unha porta para conseguir a tarxeta sanitaria a través do Programa de protección social da saúde pública, que che permite conseguir a tarxeta se levas 6 meses residindo, pero tela que renovar cada ano. É unha especie de favor da Administración, pero non chega a consolidarse como dereito.
- Di que é falsa esa mensaxe de que ‘se non tes tarxeta sanitaria, non tes dereito a atención’. Logo hai outras vías?
- Hainas. E mesmo en Urxencias non sempre tes que pagar. Na Coruña, por exemplo, as traballadoras sociais xeraron un protocolo polo que as persoas que chegaban a Urxencias sen tarxeta sanitaria foran derivadas a elas antes de marchar, e elas encargábanse de encher o modelo de solicitude de medidas especiais que debería estar a man en todos os centros de saúde e nos hospitais, pero que é difícil de atopar.
- O normal é que se facture por esa atención?
- Nos casos que eu coñezo, si. Chegan as facturas cunha advertencia de que se non aportan a tarxeta ou un seguro privado que cubra a asistencia, terán que abonar esa cantidade.
- Hai carencias constatadas tamén na a menores?
- Si. E van directamente contra a propia norma do 2012 e contra a toda a lexislación internacional de protección á infancia. Nos denunciamos cada caso. Pero temos que seguir a vía administrativa. Neste caso, reclamacións diante do SERGAS. Pero é raro que teñamos que chegar a un recurso de alzada. O habitual é que o SERGAS recoñeza o erro e resolva. Pero o problema é que se trata cada caso como se fora unha cousa illada. E tamén está o tempo. Estamos falando de problemas de saúde nos que actuar rápido é fundamental. Tivemos un caso dun neno de nai nixeriana, nado aquí, ao que non se quería prestar atención porque non tiña o documento de nacionalidade. A nai non podía desprazarse a Madrid, que é o lugar máis próximo no que pode conseguir ese documento. Foille máis rápido conseguir un seguro privado malia as súas dificultades económicas. Pagou durante dous anos. Seguimos sen resposta do SERGAS a ese caso. Non podemos acudir á xustiza ordinaria. No caso dos romaneses, o consulado máis próximo está en Bilbao. Teñen itinerancia, pero hai trámites que é preciso facelos no propio consulado. No caso de Mirela fixemos o cálculo do que lle custaría ir até Bilbao, saía por 400 euros para ela e unha acompañante.
- E estas falando de xente en exclusión que non dispón de eses recursos. Que alternativa teñen?
- Ter mala saúde. Aguantarse. É unha das diferenzas entre os ricos e os pobres. Mirela e os romaneses non están aquí para facer turismo sanitario. Os inmigrantes pobres non están aquí para facer turismo sanitario. E teño que dicir que para os menores que non estean acreditados hai unha vía de protección legal. Haina. E se me permitides, para rematar quero dicir tamén que estamos moi agradecidas a todos os profesionais que teñen feito obxección de conciencia a lei do 2012 e están atendendo aos sen papeis.