Acampa pola paz e o dereito a refuxio

Mulleres rebeldes, protagonistas de Acampa 2019

Mulleres rebeldes que loitan contra a ablación e mais os matrimonios infantís ou forzados polo sistema de dotes, protagonistas de acampa 2019

A complexa integración cultural nos países de acollida e o uso da violación como arma de guerra son outros dous eixes sobre os que xirarán os debates que programou Acampa 2019 para achegarlle á cidadanía coruñesa a realidade das mulleres e as nenas refuxiadas. 

Mulleres rebeldes, protagonistas de Acampa 2019
CARTEL_REDES_ACAMPA2019_BAJA INT
CARTEL_REDES_ACAMPA2019_BAJA INT

A Coruña, 17 de xuño 2019.- A dureza engadida a calquera proceso migratorio por cuestións de xénero foi a razón para elixir á muller refuxiada como o fío condutor de Acampa 2019. Acordado iso, que mellor que darlle voz a esas mulleres, vítimas e rebeldes ante unha realidade que multiplica por mil os riscos da supervivencia. O programa da terceira edición de Acampa, na Coruña, do 20 ao 22 de xuño, inclúe varios encontros-debate abordarán os dramas específicos das mulleres en todo o mundo, motivos por si mesmos para fuxir e buscar refuxio. O mesmo día da inauguración, a responsable de campañas de movilización de Amnistía Internacional España, Maribel Tellado, explicará nunha charla titulada Feminicidio, un crime global, man a man con Celine Bardet,unha das xuristas máis expertas en crimes de guerra que leva dúas décadas loitando para que a violencia sexual que se leva a cabo en zonas de conflito non quede impune, a durísima realidade que sufren as mulleres ao longo do globo. A conversa estará presentada pola escritora e xornalista Lula Gómez. 


Unha foto, unha historia reunirá o venres ás fotógrafas e os fotógrafos que expoñen nesta terceira edición de Acampa. Cada un deles elixirá unha instantánea e narrará as circunstancias nas que foi tomada, achegándonos así dende os secuestros de nenas por parte de Boko Haram no nordés de Nixeria á realidade das mulleres no medio da guerra en Siria, ou mesmo a das nixerianas vítima de trata en Europa, escravizadas baixo o vudú. Tamén darán a coñecer a extrema discriminación das mulleres que cruzan o Mediterráneo, sempre colocadas no peor lugar da barcaza; o que está a ocorrer coa minoría rohingyá ou as dificultades das mulleres migrantes de distintas procedencias que lles narran aos fillos os soños cumpridos ou rotos nesa procura da supervivencia. Exporán asemade a xeografía da dor e a violencia en México a través das testemuñas dos familiares de persoas desaparecidas ou asasinadas, reflectidas nas súas postais e cartas.

Seguidamente terá lugar o encontro ¿Razóns para solicitar refuxio? Ser muller, na que dúas mulleres, a queniana Asha Ismail e a siria Maya Al-Rahabi contarán a súa historia de loita e activismo. Son moitos os motivos polos que as mulleres e nenas vense obrigadas a fuxir dos seus países: matrimonios forzados,  mutilación xenital feminina (MXF), dificultade para acceder á educación, trata ou unha guerra que se ceba especialmente con elas. Asha Ismail, é sobrevivente da MXF e dun matrimonio forzado, é fundadora de Save a  girl,  Save a  generation e Maya Al-Rahabi, é doutora, escritora, e tamén voz do movemento político feminista de Mulleres Sirias. Dous contextos diferentes que se achegan para darnos a coñecer os obstáculos aos que se enfrontan miles de nenas e mulleres cada día así como as súas ferramentas para  empoderarse e facerlles fronte. O debate estará moderado pola xornalista de Radio Coruña Cadena Ser Isabel Bravo.

O sábado na tarde terá lugar o encontro A violencia sexual como arma de guerra, o corpo da muller convertido nun campo de batalla, no que se analizará o uso da violencia sexual como táctica bélica de secuelas devastadoras. A violencia sexual cara ás mulleres foi parte dos conflitos armados ao longo da historia da Humanidade. Perpetrada como un acto final de humillación ao contrario vencido, como vinganza por actos similares e ás veces coma unha estratexia de terror imposta a poboacións civís para crear maior caos no medio dun conflito. Falarán sobre iso Jineth Bedoya, xornalista e activista colombiana iniciadora da campaña Non é hora de calar, que denuncia a violencia sexual e reclama ás sobrevivintes que alcen a voz contra ela, e a reporteira, activista polos dereitos da muller no Congo e Premio Príncipe de Asturias 2014, Caddy Abzuba. O encontro estará moderado por Natalia Sancha, xornalista e fotógrafa independente especializada no mundo árabe.

 

Toda a información en www.redeacampa.org

Mulleres rebeldes, protagonistas de Acampa 2019