Acampa pola paz e o dereito a refuxio
Narón incorpórase á rede Acampa pola Paz e acolle a proxección do documental “M” sobre os estigmatizados ‘menas’
A presentación de Acampa pola Paz, xunto co documental e o posterior coloquio, terá lugar o mércores 22 de maio, ás 19.30 horas, no Pazo de Cultura naronés.
Acampa pola Paz e o seu compromiso
Desde os seus inicios, a vocación de Acampa pola Paz foi clara: estender a súa mensaxe e replicar o compromiso coa defensa dos Dereitos Humanos e o Dereito Internacional Humanitario. Narón responde a este chamamento. O mércores 22 de maio, no Pazo da Cultura, presentarase oficialmente a rede Acampa pola Paz, coa participación do Padroado de Cultura de Narón, e haberá unha proxección do documental "M", que dá voz aos centos de menores migrantes que chegan a España en situación de vulnerabilidade, en busca dun futuro mellor, escapando da pobreza, da violencia ou das guerras.
Unha mirada á realidade dos ‘menas’
Enmarcado no VIII Encontro Internacional Acampa pola Paz “Infancia e Mocidade refuxiada”, o evento contará coa presenza da alcaldesa de Narón, Mariám Ferreiro, acompañada polo coordinador de Acampa, o fotodocumentalista Xosé Abad. Tras a proxección do documental, haberá un coloquio co guionista, o xornalista especializado en migracións e Dereitos Humanos, Nicolás Castellano.
"M" é unha ollada íntima ás vidas dos estigmatizados “menas”, unha homenaxe aos traballadores sociais como Ignacio de la Mata e o pai Gabriel Delgado, que dedicaron as súas vidas á defensa dos menores non acompañados. Gravado en diferentes localizacións españolas, o documental conta con catorce protagonistas que relatan as súas difíciles travesías ata chegar a Europa, en condicións precarias e expostos a múltiples perigos.
Unha oportunidade de reflexión e integración
Esta proxección, promovida polo Padroado de Cultura de Narón e Acampa pola Paz, amosa a traxectoria destes nenos, cuxo destino, na maioría dos casos, é de éxito. Como sinala o guionista, “só necesitan o apoio das institucións para integrarse nunha sociedade á que chegan non para delinquir, senón para contribuír”.
Acampa pola Paz agradece ao Concello de Narón a súa colaboración e dálle a benvida á cidade tras unirse á rede, fortalecendo así o seu compromiso cos Dereitos Humanos e o Dereito a Refuxio.