Acampa pola paz e o dereito a refuxio
“Non podemos agocharnos, vivir na indiferenza e na inhumana neutralidade. Temos que tomar un lado, saber de que rede formamos parte”
O coordinador do Movemento Acampa, Xosé Abad trasladou aos asistentes a importancia de organizacións como Rede Acampa que axunta as voces de centos de organizacións e entidades de toda índole constituíndo unha forza transformadora e poderosa en materia de defensa dos Dereitos Humanos.
A Coruña, 11 de novembro 2022.- Un referente do compromiso cara aos máis vulnerables. O Pai Julio Lancellotti recibiu o I Recoñecemento Acampa á Defensa dos Dereitos Humanos e o seu discurso non deixou a ninguén indiferente. Foi un canto á militancia humana. Despois de destacar a importancia do Movemento Acampa pola Paz e o Dereito a Refuxio, rede creada na Coruña en 2016 e que agora cruza o Atlántico e se replica en Brasil, Lancellotti foi contundente: “A nosa realidade é conflitiva, nos desafía e comprométenos. Vostedes saben por medio do compromiso de Acampa que non nos podemos esconder e omitir a nosa voz, a nosa palabra. Cantos desafíos podemos enfrontar e de que Rede formamos parte? É importante que nunha cidade como Piracicaba esa rede de solidariedade e de resistencia sexa ben explicitada e coñecida”. “Non podemos vivir na indiferenza nin na inhumana neutralidade. Temos que tomar un lado, hai que enfrontarse con criterios de humanización, loitar por cidades máis humanas, máis humanizadas e máis humanizadoras”.
O Pai Lancellotti traballa desde hai anos con delincuentes xuvenís, presos en liberdade condicionada, pacientes con VIH/sida e poboacións de baixos ingresos e persoas sen fogar. Cre na persoa humana por encima de todo e considera que todos os cidadáns deben ver respectados os seus dereitos e ser respectados nas súas diferenzas. Está á fronte de varios proxectos municipais na cidade de Sao Paulo para atender á poboación necesitada, aos invisibles, aos inmigrantes, aos refuxiados. O Pai Lancellotti non abandonou as rúas na pandemia, traballando tamén para conseguir vacinas para as persoas sen fogar e enfrontouse ao poder cando o Concello de Sao Paulo colocou obstáculos de pedra en espazos públicos (baixo viadutos, prazas, etc.) para que os indixentes non puidesen usalos para durmir. Lancelotti, machada en man, foi quitalos –unha imaxe que se fixo viral- conseguindo que a cidade deixase de poñer eses obstáculos. Polo seu labor vinculado aos Dereitos Humanos, foi recoñecido pola Unesco e recibiu o seu primeiro título de Doutor Honoris Causa da PUC.
Na súa intervención no I Encontro Acampa Brasil, o coordinador xeral da Rede, Xosé Abad, destacou a forza transformadora de Movementos como Acampa que aglutinan e replican o traballo que centos de organizacións desenvolven en distintas áreas da defensa dos Dereitos Humanos e o Dereito a Refuxio. “En Brasil, a 2020, existían 815.676 oenegués traballando neste campo; no mundo son máis de 10 millóns, alcanzando a billóns de persoas interesadas en actuar na defensa dos Dereitos Humanos. Por iso é importante articular unha estratexia común a partir dos elementos que nos unen”, sinalou.
Hoxe rematan as charlas deste I Encontro Internacional Acampa Brasil, coordinado pola Profesora Universitaria Célia Regina Rossi, cun debate no que participan a Secretaria Municipal de Agricultura de Piracicaba, Nancy Thame, o fotoperiodista Rodrigo Zaim, a refuxiada colombiana Leonor Solano González e Lucas dos Santos, da Pastoral do Menor de Piraçicaba que traballou con mozos refuxiados da guerra de Angola. A charla estará moderada por Josué Adam Lazier. Unha actuación de danza afropiraçicabana completará a xornada.
Exposicións fotográficas
Como en todos os Encontros Internacionais Acampa, as exposicións fotográficas son unha das propostas principais. Expoñerán neste I Encontro Acampa Brasil Ricard García Vilanova, Lys Arango, Juan Carlos Tomasi, Javier Teniente, Pablo Tosco, Silvia Landi, Rodrigo Zaim e Fabio Lima. As mostras permanecerán abertas ata o 3 de decembro.
Baixo o título “Fome e Refuxio”, este I Encontro Internacional Acampa pola Paz Brasil é posible grazas á complicidade da SESC, unha sociedade que traballa desde hai décadas no campo da cobertura social e a difusión cultural con intensa actividade en boa parte do país e que patrocina o encontro. Desde fai máis de vinte anos, por exemplo, xestiona o Programa Mesa Brasil, importante desde o orixe pero esencial en dar cobertura durante a crise do COVID-19 e alimentar a miles de brasileiros que quedaron sen ingresos e sen sustento durante a pandemia. Todas as actividades deste I Encontro Internacional Acampa Brasil celebranse na sede do SESC en Piraçicaba, un emblemático e referente contedor cultural da cidade.